A sede da nosa Asociación Hostelaría Compostela acolleu a presentación da Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro, que se celebrará do 5 ao 8 de abril. Na presentación participaron a concelleira de Turismo, Marta Lois, a presidenta da Asociación, Sara Santos, e o profesor do CIFP Compostela, Xosé Quintáns. As persoas asistentes ao acto puideron degustar este senlleiro prato, preparado por estudantes do CIFP Compostela.
Sara Santos sinalou que eventos como este “non só axudan a promocionar a nosa gastronomía e ao noso sector hostaleiro, tamén benefician a toda a cidade, ofrecendo actividades de ocio diferentes para a veciñanza e os turistas que nos visitan nestes días”.
As uñas de San Lázaro, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo, poderán tomarse en 21 locais participantes, moitos deles situados neste barrio pero tamén en restaurantes doutras zonas da cidade.
Os restaurantes participantes do barrio de San Lázaro son: A Calzada, A Casa da Viña, As Fontiñas, Brasería A Grella, Doña Ana, La Bodeguilla de San Lázaro, La Brasería de Tere, La Finca, Mesón de Lázaro, O Labrador, O Muiñeiro, O Tangueiro, Pedra Santa e Susos. Os restaurantes participantes doutros barrios son: A Nave de Vidán, Don Quijote, O Bo Xantar, Ruta Jacobea, San Paio, Taberna da Feira e Ultreia.
Tradicionalmente, Turismo de Santiago xa incluía a promoción gastronómica das uñas nas súas ferramentas de información. Esta promoción intensificouse a partires do 2014, cando comezou a colaboración coa Asociación Hostalaría Compostela co obxectivo de potenciar a súa tradición e singularidade e ampliar á participación de locais na mesma.
Todas as persoas que acudan aos locais participantes a tomar un prato de uñas recibirán unha rifa para poder entrar no sorteo dunha cea para dúas persoas no Restaurante El Bordón e unha noite para dúas persoas con almorzo incluído no Gran Hotel Los Abetos.
A Festa das Uñas forma parte das Festas do Barrio de San Lázaro, que teñen lugar cada ano no Quinto Domingo de Coresma, tamén chamado ‘Domingo de Lázaro’, antesala de Semana Santa. Ademais de eventos musicais, organizados pola Asociación Festa da Uña – “Orde da Uña”, a festa veciñal inclúe diversos oficios relixiosos e unha tradicional poxa de uñas e outras pezas do porco ofrecidas ao santo, que este ano será o día 8 ás 11:30.
Toda a información dos locais participantes e os seus menús pode consultarse na páxina www.semanasantasantiago.gal.