O concurso de tapas Compostela, organizado por Turismo de Santiago, comeza este xoves con 40 locais participantes, que ofrecerán 61 tapas ata o vindeiro 3 de marzo.

Santiago(é)tapas, o concurso de tapas de Compostela, celébrase este ano por primeira vez no mes de febreiro, logo de que a Asociación Hostelería Compostela solicitase a Turismo de Santiago o cambio de datas, xa que no mes de novembro, no que se celebraba tradicionalmente, os bares e restaurantes locais teñen xa unha actividade importante grazas á desestacionalización que se está producindo na demanda turística da cidade.

O cambio de datas non afectou ao número de locais participantes. Ao contrario, nesta edición participarán 40 locais, fronte aos 38 que participaron na última edición, que se celebrou en novembro do 2022. En total, poderanse degustar 61 tapas, 29 creativas e 32 tradicionais, nos 40 locais distribuídos en 5 rutas ou (é)tapas diferentes.

Neste edición, dende Turismo de Santiago estase facendo un esforzo especial para ofrecer máis e mellores agasallos ás persoas que cubran algunha ruta do concurso co obxectivo de incentivar a participación nun mes de plena tempada baixa. Así, ofreceranse máis de 200 agasallos para aquelas persoas que cubran algunha das rutas definidas no Tapasporte.

Entre os agasallos inclúense produtos gastronómicos, como Piedras de Santiago; botellas de viño, queixos, meles e packs de produtos gastronómicos; entradas para espectáculos, festivais e o Museo da Cervexa (Mega); masaxes e agasallos de saúde e benestar; noites de hotel; ceas e xantares «experiencia» e abonos para o Obradoiro CAB. Mesmo exemplares asinados do libro «O home que matou a Antía Morgade», de Arantza Portabales, no que Santiago de Compostela e os seus establecementos de restauración teñen unha destacada presenza.

O Tapasporte, que nesta edición recupera o seu formato de libriño, recolle toda a información das tapas e dos bares e restaurantes do concurso, e sirve ademais para selar as rutas que se van completando e que dan dereito a recibir os agasallos. Os Tapasportes poden recollerse na Oficina de Turismo, na rúa do Vilar, en horario de 10.00 a 18.00 h, na sede da Asociación Hostelería Compostela, en horario de 09.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.30 h, e nos establecementos participantes.

Ademais, este ano haberá tres rutas especiais: unha sen glute, na que se inclúen 19 petiscos; outra vexetariana con 11 propostas; e unha doce, novidade desta edición, composta por 15 tapas.

O concurso, organizado por Turismo de Santiago, en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela, conta co apoio da Deputación da Coruña, o patrocinio de Estrella Galicia e a colaboración de Cash Record e Café Dromedario, entre outras empresas e entidades.

Toda a info en santiagoetapas.gal