Este xoves, 27 de outubro, comezará o XIV Santiago(é)Tapas, baixo o lema de ‘Toleamos por (é)Tapas’. O concurso de tapas de Santiago, un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, ofrecerá durante dúas semanas e media -ata o día 13 de novembro incluído- 62 petiscos de 38 locais composteláns. Así o indicaron en rolda de prensa o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez. 

Sindo Guinarte destacou que Santiago(é)tapas, que nesta edición adianta as súas datas un par de semanas para celebrarse na primeira semana de novembro, servirá para manter a forte recuperación da demanda turística no comezo da temporada baixa, que en setembro continuou por riba dos datos de 2019, con máis de 90.000 pernoctacións de turistas internacionais e unha tarifa media diaria próxima aos 100 euros. 

Pola súa banda, Thor Rodríguez explicou as principais características desta edición. Por primeira vez, as votacións do público realizaranse a través de códigos QR, que se entregarán aos clientes no momento da consumición. 

As tapas dividiranse en dúas modalidades: tradicional e creativa, ambas cun prezo de entre 2 e 4 euros. Entre todas os petiscos presentados outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un premio á mellor tapa creativa e un premio á mellor tapa tradicional, dotados con 1.000 euros cada un; e un premio á mellor tapa maridada con viño e á mellor tapa maridada con cervexa, dotados con 500 euros cada un. A Asociación de Celíacos de Galicia entregará tamén un premio á Mellor Tapa sen Glute. Ademais haberá dous premios do público, á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

Agasallos directos e sorteos

Neste XIV Santiago(é)Tapas establecéronse seis rutas ou (é)tapas que se poden consultar tanto na páxina web santiagoetapas.gal como no Tapasporte, á disposición desde o xoves nos locais participantes, na Oficina de Turismo de Santiago, na Rúa do Vilar, e na sede de Asociación Hostalaría Compostela, na Rúa Salvadas, 29. 

As persoas que vaian completando as diferentes (é)tapas -conseguindo os selos dos locais participantes no Tapasporte cando consuman unha tapa- gañarán diferentes agasallos. Os premios, que poden consultarse na web santiagoetapas.gal, inclúen entradas para o festival de cine Cineuropa, o mandil oficial do concurso, botellas de viño e de Áncora de Silleiro, vales para o Mercado de Abastos, abonos para o Obradoiro CAB e a SD Compostela e unha cea en A Maceta, local gañador da edición anterior do concurso.

Como novidade nesta edición creáronse dúas rutas extra, que se suman á Ruta Veggie, con opcións para persoas vexetarianas, veganas ou flexitarianas, que xa se puxera en marcha no 2021. Estas son a Ruta sen glute, para que poidan completar as persoas celíacas, e a Ruta Pet-friendly, formada polos locais que permiten acceder con mascotas. Entre todas as persoas que consuman dez tapas nalgunha destas tres rutas realizaranse tres sorteos: unha cesta de produtos da horta do Mercado de Abastos, unha cesta de produtos sen glute da Asociación de Celíacos de Galicia e un plan vacinal anual completo para unha mascota máis un regalo sorpresa de Can Cat. 

Ademais, sortearase unha cea para dúas persoas no restaurante A Horta D’Obradoiro -por cortesía de Cervezas Alhambra- entre todos aqueles que emitan o seu voto nos códigos QR habilitados para tal fin nos locais participantes.

O XIV Santiago(é)Tapas volve a contar un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, en liña coa filosofía da marca que considera o tempo coma un ingrediente esencial á hora de elaborar as cousas que merecen a pena, como a boa gastronomía.

Tamén colaboran nesta edición Cash Record, Banco Sabadell, Utimaq, a Asociación de Celíacos de Galicia, Monbus Obradoiro CAB, SD Compostela, o festival Cineuropa e Renfe.

35 cócteles

Paralelamente ao Santiago(é)Tapas, entre o 27 de outubro e o 13 de novembro, celebrarase o III Santiago(é)Cóctel, o concurso de cócteles que organiza a Asociación Hostalaría Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss. En total, nesta terceira edición competirán 35 propostas de 21 locais composteláns.

Os cócteles terán un prezo de entre 5 e 6,50 euros e optarán a catro galardóns: Primeiro Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 500 euros; Segundo Premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado con 400 euros; e Mellor Gin Tonic Tradicional con Royal Bliss e Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotados con 600 euros cada un.