O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, presentaron as actividades paralelas do I Encontro do Viño Galego Revera Vinum, un evento que se celebrará en Santiago os días 22, 23 e 24 de marzo e que reunirá a todas as DO e IXP do viño galegas.
Coa finalidade de implicar a toda a cidade e ao sector hostaleiro neste Encontro, o Concello de Santiago patrocina dúas actividades paralelas: as ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’ e as ‘Catas con Maridaxe Musical Revera Vinum Compostela’.
Rutas de viño
As ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’ desenvolveranse do 18 ao 27 de marzo. Participarán un total de 36 bares e restaurantes distribuídos en seis rutas: Ruta de San Lázaro (A Casa da Viña, A Grella, Bodeguilla de San Lázaro, Mesón de Lázaro, O Afiador e Pedra Santa); Ruta da Cidade Histórica (A fuego lento, A Tuna, Bar Suso, Café Casino, Comovino e Vinoteca Cervantes); Ruta San Pedro – Praza de Abastos (A Ostrería, A Medusa, A Sucursal de Moha, Bicoca, Bodegón Casas Chico, DeLito Espazo Gastronómico e O Dezaseis); Ruta San Clemente – Franco (A Lareira, Abellá, La Morena, Marte, Pumar, San Jaime e Ventosela); Ruta do Ensanche (Café D’Lucía, Café Bar Isla, Cafetería Arosa, Lido e Par6 Bar) e Ruta de Santa Marta (A Vaquiña, ArteSana Gastrobar, Bodeguilla de Santa Marta, Mera e O Ferro).
A clientela atopará nestes locais uns tarxetóns con estes itinerarios, que poderá ir completando co selo do establecemento por consumir un viño con DO ou IXP galega.
Por cada ruta rematada, entrarase nun sorteo de diferentes agasallos, como 10 experiencias Cheese & Wine an Adega Ponte da Boga un paseo por viñedos, envoltos nun clima atlántico continental, coñecendo a adega e a curiosa forma de elaborar os seus viños. Un percorrido guiado que culmina coa cata de 4 viños e a maridaxe do queixo galego máis axeitado para cada un deles.
Sortearanse tamén lotes de viño da DO Monterrei, DO Ribeiro e da adega Valmiñor; visitas ás adegas do Grupo Regina Viarum e a Adegas Terras Gauda; bonos con cata de viños e queixos e visita a Bodegas Martín Códax; e unha estancia na casa de turismo rural da Adega Lagar da Costa.
Catas con maridaxe musical
A Sala Riquela acollerá o mércores 23 de marzo a primeira das dúas ‘Catas con Maridaxe Musical Revera Vinum Compostela’. Será a partir das 20:30 horas e nela participarán os sumilleres Guillermo Cruz e Miguel Rodríguez xunto con Sabela King & the heartbreakers, un trío musical de blues formado por Sabela King (voz e ukelele), Ramón Figueira (armónicas) e Benjamín Vázquez (guitarras).
A segunda das ‘Catas con Maridaxe Musical Revera Vinum Compostela’ celebrarase o sábado 26 de marzo ás 20:30 horas na Sala Sónar, coa participación do sumiller Martiño Santos e o grupo Hainas. Hainas é unha banda de Santiago, liderada por Andrea Pérez e Bea Mazaira, que percorre diferentes estilos como o soul, funky, swing e r&b.
O aforo para cada unha destas catas limítase a 40 persoas que deberán inscribirse previamente escribindo ao correo electrónico actividades@reveravinum.gal
Entradas á venda
O Revera Vinum reunirá no Hotel Monumento San Francisco durante o 22, 23 e 24 de marzo a máis de 180 bodegas na zona expositiva e un túnel do viño con máis de 300 referencias. As entradas (15 euros a entrada individual e 30 euros o bono de tres días) poderán adquirirse desde mañá a través da web reveravinum.gal e fisicamente na sede da Asociación Hostalaría Compostela (Rúa Salvadas, 29); en Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10), Bodeguilla de San Lázaro (Rúa de San Lázaro, 104) e Bodeguilla de Santa Marta (Avenida da Liberdade, 11).
Ademais da zona expositiva, no Revera Vinum desenvolveranse varias actividades con algúns dos máis prestixiosos sumilleres e viticultores do país. O programa completo pode consultarse en reveravinum.gal, páxina web a través da cal pode facerse tamén a reserva de prazas.
Este Encontro, promovido pola Asociación Hostalaría Compostela e organizado por Escenoset, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e o Concello de Santiago. Tamén conta co patrocinio de Ponte da Boga e Cervezas 1906, Gadis e coa colaboración de Viaqua, Grupo Roig, Cotelga, Novas & Mar, Galicia Calidade, Ternera Gallega, o Concello de O Pino, o CIFP Compostela, o CPR O Raio Verde, Artesanía de Galicia, AllWork, eBullicionar e Renfe, como transporte oficial.