A campaña de comunicación que se desenvolverá neste Nadal para anunciar o cambio de datas da XV edición do concurso Santiago(é)tapas, que terá lugar do 15 de febreiro ao 3 de marzo, intensificouse estes días co reparto de manteis alusivos ao concurso e ao propio Nadal, facendo fincapé no lema As Tapas son a Estrela.
Organizada por Turismo de Santiago en coordinación coa Asociación Hostelería Compostela e a colaboración da Deputación da Coruña, a campaña pretende incentivar a inscrición por parte dos establecementos da cidade e informar ao público interesado do cambio de datas do concurso. Así, os manteis xa están nas mesas de moitos dos establecementos que participaron o ano pasado e nos inscritos nesta edición, aos que se sumarán aqueles que os soliciten a asociación.
Cabe lembrar que o peche das inscricións para participar na próxima edición do Santiago (é) Tapas é o 10 de xaneiro, xusto despóis do Nadal.
A mecánica do concurso, que conta co patrocinio de Estrella Galicia, Cash Record e Café Dromedario, será a mesma que a doutros anos, establecéndose varios roteiros e habrá premios ás mellores tapas, habendo esta edición e como novidade unha etapa e un premio especial á máis doce para incentivar a
participación de cafeterías e bares que traballan almorzos e merendas.
Nesta ocasión haberá tamén premios ás mellores tapas tradicional, creativa, maridada con viño Ponte da Boga e con Cervexa Estrella Galicia; e á mellor tapa sen glute, outorgada un ano máis pola Asociación de Celíacos de Galicia.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, as tapas deberán estar elaboradas con produtos galegos de calidade contrastada, produtos de agricultura ecolóxica ou produtos do mar de Galicia certificados, nunha aposta pola gastronomía galega e os produtos de proximidade.
Haberá obsequios directos aos que fagan as etapas completas, para o que terán que ir selando o Tapasporte, e sortearanse agasallos moi atractivos grazas a empresas colaboradoras como Alda Hotels, Agacal, Etiqueta Negra, Recorda Fest, Boanerges, Curves, Pedras de Santiago e CRDO Ribeiro, ás que
se sumarán máis en datas próximas.
Podedes atopar toda a información na web santiagoetapas.gal onde ademáis das bases desta edición están as follas de inscrición para participar.
Os locais interesados en ter os manteis poden contactar coa Asociación Hostelería Compostela.