Mañá, 15 de xullo, remata o Curso de Inserción Social de Axudante de Cociña, que se está a celebrar na sede da Asociación Hostalaría Compostela, en colaboración con Cash Record, desde o pasado 30 de xuño.
A presidenta da nosa entidade, Sara Santos, e o xerente de Cash Record, Simón Quintela, fixeron hoxe unha visita aos alumnos e alumnas do curso, que se amosaron moi contentos e agradecidos con todo o aprendido e co seu profesor, o mestre do CIFP Compostela, Xosé Quintáns.
O curso, no que colaborou Cash Record donando os produtos que prepararon os diferentes alumnos, dirixíase a persoas en risco de exclusión social co obxectivo de mellorar a súa formación e aumentar as súas oportunidades de lograr un posto de traballo.
Os módulos que se estudaron están relacionados co currículo do Ciclo medio de Cociña e Gastronomía da Familia Profesional de Hostalaría e Turismo. Así, os asistentes aprenderon técnicas de elaboración culinaria, respectando a normativa hixénico-sanitaria na preelaboración, elaboración e conservación dos produtos, así como na limpeza e recollida posterior. O curso centrouse nas elaboracións de sopas, cremas, hortalizas, potaxes, ensaladas, ovos, arroces, pastas, peixes e carnes.