O CIFP Compostela acolleu a presentación do Soporte basculante para o servizo de viños en botellas de grande formato, proxecto premiado por FP INNOVA 2024 e no que colabora a Asociación Hostelería Compostela, sendo o centro coordinador o propio CIFP Compostela.
Este dispositivo pretende resolver a carencia de soportes adaptábeis a diferentes tamaños de botellas de gran formato para o servizo de viños no sector da restauración.
O acto contou coa presentación de varios representantes da Asociación Hostelería Compostela, entre eles a súa presidenta, Sara Santos, que estivo acompañada polo xerente Ramón García e o directivo Javier Míguez, así como polo director do CIFP Compostela, Ramiro Señarís, e varios profesores.

Referencia técnica da ferramenta deseñada

• Soporte basculante para o servizo de viños dende botellas de diferentes capacidades (de 3 a 30 litros), atendendo ás tendencias de mercado. Este soporte está baseado nunha columna vertical construída en aceiro inoxidable AISI 304 (aceiro recomendado para alimentación), cun grosor de 3 mm, de base cadrada de 120×120 mm, conta cun mecanismo interno de parafuso de precisión accionado cunha manivela externa. Este mecanismo interno vai á súa vez conectado cun pivote externo que aporta forza de xiro, para poder xirar as botellas a vontade. Estas van colocadas nun soporte adaptado á dimensión da botella, que se axusta con un “clic” ao pivote mencionado.

• Como apoio do soporte construíuse unha base en madeira maciza de carballo, que permite, co seu peso, fixar o soporte, ademais de complementar o conxunto.

Como soporte de base, para o desprazamento e facilidade no servizo en salas de restauración, deseñouse un carro de “sommelier”, coas seguintes especificacións:

• Carro de “sommelier”, fabricado en madeira de carballo vernizada, con medidas exteriores de 120x60x70 cm. E con estantes para material, gobeletes, decanters, copas, ..