Representantes do sector da hostalaría acompañaron ao concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi na que o edil anunciou a posta en marcha da segunda fase de recollida selectiva de residuos para a hostalaría na cidade histórica, tras o encontro mantido días atrás.
Esta nova fase, que se encadra no proxecto Santiago Sostible, vai destinada a implicar a totalidade de locais na separación de residuos en orixe e no cumprimento dos horarios de depósito.
Xesús Domínguez explicou que durante os meses de agosto e setembro realizouse un estudo de campo para analizar a situación real da recollida porta a porta da zona histórica. Entre outros datos, destacou que se recolleron 3 toneladas/mes de materia orgánica e 18 toneladas/mes de envases.
Á vista das conclusións deste estudo, o concelleiro anunciou que se decidiu de xeito consensuado coas asociacións de hostalaría iniciar unha segunda fase para informar, local a local, sobre a necesidade de incidir na separación da materia orgánica nos locais con cociña, na necesidade de cumprir os horarios de depósito para non deteriorar a imaxe da cidade, así como trasladar outras recomendacións como o uso de envases reutilizables e barrís.
Xesús Domínguez recordou que o Concello e Urbaser, tamén presente na reunión a través dun dos seus representantes, seguirán a facilitar os cubos que se lle adapten a cada local para adecuar a separación en orixe das cinco fraccións de residuos, mellorando especialmente o depósito da materia orgánica.
O concelleiro e os hostaleiros tamén valoraron positivamente a utilización das illas de quita e pon como solución para eliminar a presenza de bolsas de residuos espalladas por toda a contorna, aínda que concordaron na necesidade de falar con aqueles establecementos que aínda fan uso inapropiado para reducir a presenza de colectores na vía pública fóra dos horarios establecidos e mellorar a imaxe da cidade histórica.
Trátase dun reto importante para conseguir a redución de residuos, ademais da súa correcta separación, para o posterior tratamento e reciclado, co que se debe contar coa colaboración de toda a cidadanía, pois é responsabilidade colectiva.

Por parte do sector, Ramón García Seara, da Asociación Hostelería Compostela indicou que «é evidente que levamos moito atraso en Santiago de Compostela no sistema de recollida e de xestión de residuos, pois as normas vinculantes marcan unha serie de requisitos e de porcentaxes e aínda estamos lonxe de chegar a eles, por iso pretendemos darlle confianza ao Concello neste intento de adaptar e de facer de Santiago esa cidade que queremos e conseguir os obxectivos que marca a normativa, por iso é esencial que esteamos unidos para conseguilo».
Pola súa parte, Lois Lopes, de Hostelaría.gal, manifestou que están «satisfeitos co servizo e co método elixidos para seguir avanzando na recollida selectiva e tamén co nivel de concienciación do sector, como demostra o dato de que o depositado de materia orgánica só teña un 1% de impropios». «Desde o sector organizado imos seguir facendo propostas para mellorar o servizo e conseguir o obxectivo de xerar menos residuos e separalos como marcan as directivas», engadiu.
Para Martín Pais, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, «o sector da hostalaría quere ser un referente na recollida e na xestión de residuos para que impulsemos que o resto da poboación traballe nese mesmo sentido, para conseguir unha cidade limpa e que traballe a prol da separación dos residuos». Afirmou que desde que se iniciaron estas reunións, seguen a traballar «para que o sector se adapte para facer unha recollida adecuada para mellorar o servizo».