O Goberno municipal de Santiago puso en marcha meses atrás un novo modelo de recollida e tratamento de residuos para manter limpa e coidada a cidade histórica distinguida como
Patrimonio da Humanidade e, que nos últimos tempos se ven descuidando.
Así o afirman fontes do Concello, que nestas datas intensificaron a campaña de sensibilización e de información sobre este sistema para implicar hostalería e veciñanza, «para sentir o orgullo de vivir nunha zona histórica que debe estar limpa e coidada», e insiste en que «dende hai semanas vimos observando depósitos fóra de horario na Travesa de Fonseca, no chan ou mesmo nos colectores de vidro ou de cartón, así como a utilización indebida das illas de quita e pon para residuos domiciliarios, que dificulta a utilización por parte da veciñanza».
«A situación na que se atopa o espazo público non é a que desexamos para a nosa cidade», din, informando ademáis de que «a Policía Municipal dispón de datos que identifican os negocios que realizan estes depósitos, polo que, de continuar estas prácticas, iniciaranse os correspondentes procedementos
sancionadores».
Dende o Goberno local indican que a empresa Urbaser e o Concello continuarán coas tarefas de información polo que animan aos hostaleiros a que «lles trasladedes as vosas necesidades e consultas, ben a través da páxina web www.santiagosostible.gal ou vía telefónica: 672243457».
Lembramos que ademais do servizo porta a porta, hai disposición dos hostalaeiros dous tipos de puntos de aportación de apoio para as diferentes fraccións de residuos, sendo preciso utilizar a chave triangular para a aportación nos colectores da fracción orgánica.

Illa de alivio Quita e Pon:

✔ Travesa de Fonseca en horario de 18:00 a 24:00 horas: colectores de resto, orgánica, papel/cartón, ademais de colector de vidro permanente.

Illas de alivio fixas:

✔ Avenida de Figueroa: colectores en superficie de envases lixeiros para completar dotación de illa

soterrada en Rodrigo de Padrón (resto, papel/cartón e vidro).

✔ Porta da Pena: resto, orgánica, envases lixeiros, papel/cartón e vidro.

✔ Rúa da Conga: envases lixeiros e resto.

✔ Travesa da Universidade: resto, orgánica, envases lixeiros, papel/cartón e vidro.

✔ Mazarelos/Fonte de Santo Antonio: resto e vidro.

✔ Praza Oliveira: resto, orgánica, envases lixeiros.

✔ Rúa das Rodas: resto, envases lixeiros, orgánica.

✔ Entremuros: resto.

✔ Praza Salvador Parga: resto, orgánica, envases lixeiros, papel/cartón e vidro.