O Concello de Santiago e a asociación Hostalería Compostela veñen de asinar un convenio que ten como obxectivo promover o consumo da auga da billa e, polo tanto, reducir a xeración de residuos no sector HORECA. O acordo, enmarcado no proxecto Santiauga, foi presentado hoxe polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a presidenta do colectivo hostaleiro, Sara Santos, no Pazo de Raxoi.
En virtude do acordo, Hostalería Compostela comprométese a darlle a máxima difusión e visibilidade ao proxecto Santiauga entre os seus socios, e a organizar sesións informativas para os establecementos interesados en participar na iniciativa. Na práctica, a asociación exercerá de mediadora entre os locais de hostalería que queiran participar no programa e o Concello. Pola súa parte, o Concello de Santiago comprométese a facer entrega dos materiais da campaña, como xerras ou carteis de mesa, aos establecementos interesados en participar no proxecto Santiauga.
A presidenta de Hostalería Compostela mostrou a súa satisfacción por participar neste proxecto, que «se enmarca no compromiso da asociación co coidado do medio ambiente, e no obxectivo de termos unha cidade máis limpa e máis acolledora, como se merecen os clientes do sector, que son tanto os turistas como os propios veciños e veciñas de Santiago». Sara Santos expresou o seu convencemento de que «serán moitos os establecementos que se incorporen á campaña, porque «somos conscientes da responsabilidade que temos na xeración de residuos»
Auga de boa calidade
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o convenio pretende «animar os establecementos de restauración, preferiblemente os que sirvan menú do día, a ofertar auga da billa para acompañar os xantares ou as ceas». Para iso, o Concello repartirá as necesarias xerras co logo do programa. Xan Duro incidiu en que «esta práctica, que pode resultar novidosa en Compostela, leva anos funcionando con éxito en cidades de todo o mundo como París ou Nova York».
O edil salientou que «en Santiago temos unha auga da billa de moi boa calidade». De feito, a auga da traída de Compostela conta coa certificación ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable, un recoñecemento implantado nas industrias alimentarias de referencia que se comezou a introducir tamén nalgúns abastecementos de auga de consumo humano. Ademais, estudos feitos en laboratorio sinalan que a auga da billa de Santiago ten niveis de calidade idénticos aos da auga embotellada, cun grao de mineralización débil, niveis intermedios de PH e baixo contido en sodio.
Compromiso co medio ambiente
Xan Duro reiterou que «o consumo da auga da billa é a mellor opción por calidade, sustentabilidade, prezo e saúde». O concelleiro de Medio Ambiente lembrou «o enorme impacto que teñen os residuos plásticos, que se suma aos custos da auga embotellada. En cada unha delas, o 90{b3705fbade47c0bd3c2291fcde81d9ee637c57ad114296e99373bbcf1bd450b5} do prezo corresponde ao propio envase e o 10{b3705fbade47c0bd3c2291fcde81d9ee637c57ad114296e99373bbcf1bd450b5} ao produto en si».
O edil lembrou que o Goberno de Santiago e o sector hostaleiro veñen mantendo «unha colaboración activa en diferentes iniciativas que teñen como obxectivo reducir a produción de residuos no sector HORECA». Así, Xan Duro apuntou que «o Concello puxo en marcha o programa de recollida de vidro Porta a Porta nos establecementos de hostalería da zona histórica, que se traduciu nun incremento do 35{b3705fbade47c0bd3c2291fcde81d9ee637c57ad114296e99373bbcf1bd450b5} na recollida desta fracción do lixo en 2017 con respecto a 2016, e que está deixando unha moi boa evolución tamén no que levamos de 2018″.
O Goberno e Hostalería Compostela tamén colaboran noutro proxecto para a mellora da recollida selectiva de envases lixeiros, no que tamén participan Ecoembes e a Xunta de Galicia. Nesta iniciativa están implicados preto de 150 establecementos de hostalería do Ensanche.