O Pazo de Raxoi acolleu a presentación de Compostela en Marcha, un novo ciclo de actividades lúdico-culturais que organizan a Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, en colaboración co Concello de Santiago.

Asistiron á mesma a concelleira de Cultura, Mercedes Rosón; a concelleira de Festas en funcións, Mila Castro; a presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos; e o directivo da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, Sergio Fernández.

Este ciclo -que se celebrará nos meses de agosto, setembro e outubro– nace co obxectivo principal do desenvolver actividades de dinamización, posta en valor e apoio ao sector hostaleiro, que axuden a paliar a grave crise económica por mor da pandemia do Covid-19.

Todas as actividades faranse mantendo as medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social necesarias para poder garantir a celebración de eventos nesta nova normalidade.

Actividades

O programa Compostela en Marcha arrancará esta noite coa actividade ‘Cine Libre’. A praza de San Paio de Antealtares acollerá a partir das 21:30 h. a proxección da película ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza. O mesmo filme poderá verse de novo mañá na rúa de Entremuros.

O programa continuará venres, sábado e domingo cos chamados ‘Seráns-Tardeo’, actividade que se realiza de 18:00 a 22:00 h. e que inclúe música e degustación de produtos.

A partir do luns 17 de agosto comezará o ‘Vai de Viños’, que consiste en rutas polos locais participantes de distintas rúas da cidade nas que os clientes poderán consumir un viño galego e gañar varios agasallos.

Outras propostas son ‘AprendéMonos’ (talleres de baile, danza, lectura, etc.), ‘Sesión Vermú’ (actividade ao mediodía que xunta música coa degustación de produtos), ‘Concertos-de-Rúa’ (actuación musical a primeira hora da noite), ‘DJ-ti’ (proposta musical para a caza e formación de novos talentos musicais), Teatr@s (escenificación teatral), monólogos, maxia e foliadas.

O programa completo irase actualizando nas páxinas barespubsediscotecas.com/compostela-en-marcha e compostelaenmarcha.santiagohosteleria.net