Que espazo ocupará a hostalaría e o turismo no seu programa?

O sector turístico, e dentro del a hostalaría, é un sector estratéxico para Compostela. O sector turístico é un dos nosos principais activos económicos, que xera miles de empregos na cidade. Compostela é impensable sen un turismo e unha hostalaría fortes que tamén precisan seguir camiñando para mellorar as condicións laborais das persoas que se dedican a ela. Descentralizar e desconcentrar o turismo, moi ligado ao casco histórico, é tamén indispensable para mellorar a súa calidade

Por estes motivos, a hostalaría e o turismo terán un espazo central no noso programa, concebidos como sectores específicos e como ámbitos transversais que precisan que coidemos con agarimo dende múltiples ámbitos da administración. O obxectivo é claro: mellorar a calidade do noso turismo, ao mesmo tempo que conciliemos a vida das persoas residentes na cidade coas actividades das persoas que nos visitan.

Que medidas tomarían para desestacionalizar e para aumentar a estancia media na daqueles que nos visitan?

Nos últimos catro anos o sector turístico marcou cifras históricas logo de que, tras o Xacobeo 2010, a cidade se sumise nunha crise turística moi importante. E aínda que o maior crecemento foi nos meses de verán, non podemos obviar que, pouco a pouco, se foi estendendo a temporada alta mediante diversas apostas. Por unha banda, o turismo de congresos e incentivos que é un dos de maior calidade e que máis retorno económico deixan en Compostela. Neste sentido cómpre lembrar que este 2019 será un gran ano no sector dos congresos, coa confirmación de 11 congresos médicos con máis de 20.000 participantes. Tamén fomentamos no último ano, e así seguiremos facendo, a celebración de concertos de primeiro nivel nos meses de inverno, como foi o caso de Helloween ou será o de The Eels ou Bob Dylan e tamén eventos como a Supercopa de España de Baloncesto ou o Mundial de Xadrez.

Finalmente, cremos fundamental incrementar aínda máis a promoción internacional da cidade, non só nos países europeos cos que xa temos conexións internacionais directas, senón tamén en EEUU, que xa é o terceiro mercado máis importante para cidade só tras Italia e Alemaña e en Xapón e Corea do Sur, onde cada vez temos máis presenza.

Que posición teñen con respecto ao Plan Especial da Zona Vella?

O Plan Especial é un documento fundamental no que estivemos traballando durante este mandato para actualizalo e adaptalo á realidade actual do noso Concello. Entendemos ademais que o Plan Especial ten que vir acompañado dun Plan de Xestión que defina os usos da cidade histórica e que aposte por optimizar o potencial da zona vella como foco de coñecemento, de creación artística e actividade cultural.

Debería instaurarse unha taxa turística?

Nós pensamos que si. Implementar unha taxa turística sería moi útil para incrementar a calidade do noso turismo e para coidar a cidade (limpeza, recollida de lixo, etc) xa que estamos a falar dunha ferramenta coa que conseguir máis recursos que mellorarán a promoción e oferta de Compostela. Cada vez son máis as cidades europeas (incluso con menor presión turística que a nosa) que contan con esta ferramenta. Nós somos partícipes de instaurar una taxa turística moderada que permita que incrementemos dun xeito sustancial os recursos cos que contamos para a promoción turística sen afectar directamente ás persoas residentes na cidade.

En canto á restauración, contemplan algunha acción que axude a fomentar o consumo nos locais da cidade?

O noso compromiso pasa por reforzar a colaboración coa Asociación Hostalaría Compostela e o sector hostaleiro da cidade para continuar consolidando os eventos gastronómicos que xa temos, como Santiago(é)tapas ou a Festividade das Uñas de San Lázaro, nos que xa dimos un salto adiante neste últimos anos, e apostar tamén por un novo evento capaz de atraer a visitantes e turistas nos meses de menor demanda para fomentar a desestacionalización do sector. A nosa intención é que este evento, que deseñaríamos conxuntamente coa Asociacións Hostalaría Compostela, poida organizarse en febreiro para dar un maior impulso a este mes.

Cal é o Santiago que se imaxina dentro de catro anos?

Vexo un municipio vivo, un concello referente como capital do país e construído cos latexos dos corazóns de Compostela, deses homes e mulleres que están detrás de todo ese patrimonio que se foi construíndo nas últimas décadas. Vexo tamén un concello sustentable, solidario e diverso cun casco histórico vivo onde o comercio de proximidade sexa o gran atractivo, ese elemento tractor polo que sigamos crecendo ao longo dos anos. E tamén onde o turismo conviva de maneira pacífica coas persoas residentes do casco histórico.

Isto sería a plasmación final do traballo que comezamos hai catro anos, do noso modelo de cidade que aposta pola Compostela Cultural e Activa, a Compostela Verde e sustentable e a Compostela Social e Capital dos coidados, sen esquecer a conservación e xestión  do patrimonio e por unha Compostela que se afai aos seus veciños e veciñas.