A posta en marcha do novo servizo de recollida de residuos para os locais de hostalería situados no Casco Histórico xerou un gran descontento no sector, tal e como puido constatarse na reunión celebrada na sede da Asociación Hostelería Compostela, na que os afectados acordaron pedir unha reunión coa Concelleira delegada de Políticas Sociais, Saúde, Medio ambiente e Parques e Xardíns e os responsables das empresas Urbaser e Coregal, «aberta á participación de todos os hostaleiros que desaxen participar», para así poder atopar unha solución ao problema da recollida de lixo, manifestando a súa predisposición á reciclaxe e a súa preocupación polo medio ambente.
E é que tal e como sinalaron varios dos presentes, a pesar de que desde o Concello de Santiago anunciouse unha campaña informativa de proximidade para solicitar sobre datos, necesidades e opinións do colectivo, esta non se levou a cabo, polo que existe “un descoñecemento profundo” sobre o proxecto de reciclaxe e o funcionamento do servizo.
Insisten en que as medidas adoptadas, tanto no referente aos colectores repartidos para o depósito de residuos, como os horarios de recollida “inviables desde todos os puntos de vista co desenvolvemento do noso traballo nos nosos locais” non son acordes “coa realidade da actividade que desenvolve o hostaleiro, nin coa propia cidade”, xa que moitos apuntan a que os horarios de recollida estipulados molestarán aos propios veciños e turistas.
“A recollida de lixo”, insisten, “debe facerse adaptada aos peches de hostalería”, e propoñen rexeitar a recollida dos colectores que está a repartir o persoal da empresa Urbaser ata que o Concello de Santiago negocie co sector as condicións de recollida do lixo.
Desde Hostelería Compostela confirman a sensibilización do sector coa reciclaxe e o respecto polo medio ambiente, pero debe ser cunhas medidas consensuadas, que teñan en conta as necesidades do colectivo.
Cabe lembrar que o novo sistema conleva a recollida de envases lixeiros a partir dás 17.00 h, papel e cartón a partir dás 20.30 h, fracción orgánica e resto a partir dás 23.30 h, horas ás que os hostaleiros deben sacar ás portas dos seus locais os colectores correspondentes para a súa recollida.