Promovido pola Asociación Hostelería Compostela e organizado por Escenoset, co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, o Revera Vinum iniciou onte a súa andaina no San Francisco Hotel Monumento de Santiago, onde durante dous días difundirá e promocionará os viños galegos. Así o manifestou Thor Rodríguez, presidente de Hostalería Compostela, durante a visita guiada á zona expositiva na que participaron o alcalde de Santiago , Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Medio Rural, Xosé González Vázquez; a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, entre outros invitados.

Do mesmo xeito que o ano pasado, a Xunta de Galicia aproveitou o encontro para identificar o potencial vitivinícola galego e poñelo en valor ante os visitantes profesionais, facéndoos conscientes da súa importancia e do seu alcance, tal e como puxo de manifesto o conselleiro de Medio Rural, quen lembrou a participación da súa consellería a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no Túnel do Viño e nunha serie de catas comentadas de viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia, harmonizadas con outros produtos con indicativo de calidade, orientadas a profesionais do sector, como comerciais, distribuidores e prescritores.

O obxectivo, tal e como destacou o conselleiro, é “promover un dos produtos que desde o punto de vista da comercialización representa a punta de lanza da produción agroalimentaria”, facendo fincapé no apoio da Xunta ao viño galego, tanto en diversas feiras internacionais como no Revera Vinum “que o ano pasado funcionou moi ben”.

Os visitantes poderán coñecer no Túnel do Viño máis de 80 adegas das Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), con referencias moi interesantes e entre as que se inclúen marcas premiadas nas Catas de Galicia 2022.

Pola súa banda, Javier Míguez, director técnico do Revera Vinum, mostrouse moi satisfeito coa boa acollida do evento “que desde o minuto cero estivo moi animado, coa presenza de sumilleres, tanto de Galicia como de outras partes de España, como A Rioxa, Salamanca, León ou Asturias”, e a “boa impresión” que está a causar entre os profesionais.

Ademais, lembrou que o evento “conta cun completo programa de actividades en grao sumo interesante pensadas para poñer en valor os nosos viños e demostrar que poden relacionarse cos de calquera parte”.

Tamén destacou a entrega da Distinción Revera Vinum a Francisco Rego, acto co que se clausurará mañá o encontro, e que foi seleccionado por un xurado profesional para recoñecer “a súa loita pola recuperación das variedades autóctonas”.

GALLAECIA. Pola sua banda, a Asociación Galega de Sumilleres Gallaecia celebrou no marco do Revera Vinum o seu acto de 25 aniversario, con entrega de distincións e premios.

Ademais dos viños, na súa primeira xornada, o Revera Vinum tamén incluíu unha degustación de galo piñeiro promovida polo Concello do Pino, que fixo as delicias dos visitantes, así como os cafés do Grupo Dromedario e oos xeados de La Central.

PROGRAMA PARA O MARTES. O Revera Vinum volverá abrir as súas portas hoxe cun completo programa de actividades, no que destacan os relatorios Castes tintas en crianza, con Cecilia Fernández (martes 28, 10.00 horas);

Armonías Gastronómicas Baka by Discarlux & Pazo de Rubianes. Embutidos curados e carne madurada de vaca, con Miguel Núñez e Adrián Lage (martes 28, 12.30 horas); Ponte da Boga, armonías gastronómicas, con Dominique Roujou de Boubée e Queco Arias (13.00 h); Cata añada histórica 2015, con Iria Otero, Juan Chamorro, David Rial, Pablo Vidal, José Luis Bouzón e Andrea Obenza (martes 28, 17.00 horas), e o Taller básico de interaccións entre viño e comida, con Jorge Vila e David Martín (martes 28, 19.00 horas).

VENDA DE ENTRADAS. As entradas están á venda ao prezo de 10 euros o día, sendo o horario da feira de 10.00 a 20.30 horas, ininterrumpidamente. Cada localidad da acceso á zona expositiva, ao Túnel do Viño (cun tempo máximo de 30 minutos) e ás actividades gratuítas, mentres que o prezo das actividades de pago van dos 25 aos 45 euros, e dan acceso á feira para visitala.

Na web www.reveravinum pode atoparse toda a información do encontro, ademáis do listado definitivo dos locais participantes en Galicia en Copas, un roteiro por 27 establecementos que se leva a cabo ata o 31 de marzo (inclusive) para reforzar a relación entre adegas, distribuidores, hostaleiros e clientes. Estes últimos dispoñerán dunha tarxeta na que ir selando a visita ao local no que consuma, entrando así no sorteo de diferentes agasallos, entre eles cinco estancias en casas de turismo rural do Cluster de Turismo de Galicia, seis experiencias Ponte da Boga, con visita, cata e degustación en adega, dez experiencias Regina Viarum con visita e cata en adega, e seis experiencias Martín Códax, así como varios lotes de viño facilitados polas D.O. galegas.

.