O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos, membros da Corporación municipal e representantes das entidades e empresas patrocinadoras e colaboradoras, inauguraron o XII Santiago(é)tapas e o I Santiago(é)Cóctel, que se celebran do 14 de novembro ao 1 de decembro. O grupo achegouse ata o local gañador do segundo Premio do Público do 2018, o TS A Casa, na Rúa de San Pedro.

Un total de 77 locais – a cifra máis alta desde que comezou o concurso – competirán por facerse cos premios ás mellores tapas e cócteles da capital galega. Todos eles poden consultarse na páxina web santiagoetapas.gal, así como na app quedamosdetapas.

Estes establecementos hostaleiros servirán 109 tapas e 25 cócteles entre o 14 de novembro e o 1 de decembro. No caso dos petiscos, celebrarase ademais unha final do 6 ao 8 de decembro con dez propostas finalistas.

O XII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, é un evento organizado pola Asociación Hostelería Compostela, promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación de A Coruña, e o patrocinio de Mahou. Tamén colaboran Cash Record, Coca Cola, Finca Viñoa e Aceites Abril; así como o festival de cine Cineuropa, a Asociación de Celíacos de Galicia, o movemento Slow Food e Utimaq. O I Santiago(é)Cóctel é un concurso organizado pola Asociación Hostelería Compostela.

8 (é)Tapas e moitos premios

Nesta XII edición do Santiago(é)Tapas participarán 53 tapas na modalidade tradicional (cun prezo de entre 1 e 2 euros) e 56 tapas na modalidade creativa (de entre 2 e 3,50 euros). Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, todas elas inclúen, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia.

No que se refiere ao Santiago(é)Cóctel participarán 13 Cócteles clásicos (cun prezo de 5 euros) e 12 Cócteles creativos (cun prezo de 6 euros).

O público poderá votar polas tapas e cócteles a través dos pousavasos oficiais que atoparán nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes.

Para percorrer os distintos locais participantes elaborouse un Tapasporte dividido en 8 (é)Tapas e unha ruta de cócteles. O Tapasporte está dispoñible na Oficina de Turismo de Santiago (Rúa do Vilar, 63) e na sede da Asociación Hostelería Compostela (Rúa Salvadas, 29). Tamén pode descargarse da páxina web santiagoetapas.gal (aquí e aquí).

O locais deberán selar o Tapasporte a todos os clientes que consuman as tapas, puidendo así optar a numerosos premios por completar as diferentes (é)tapas. Galardóns que inclúen desde entradas para Cineuropa, viaxes no tren turístico ou vales de compra no Mercado de Abastos; ata ceas para dúas persoas, noites de hotel e un voo en ultralixeiro pola Costa da Morte. (Os premios poden consultarse aquí).

Gañadores
Todos os establecementos inscritos optarán aos premios do público outorgados a partir das votacións dos consumidores emitidas durante os días de celebración dos concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel do 14 de novembro ao 1 de decembro. Haberá un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Así mesmo, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un.

Ademais, un xurado profesional seleccionará as dez tapas finalistas dos premios Santiago(é)Tapas, que competirán de novo na final do 6 ao 8 de decembro. A elección das tapas gañadoras dos premios Santiago(é)Tapas 2019 entre as finalistas farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares. Outorgaran un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros; e un premio maridaxe Mahou, con 500 euros en producto e un showcooking nun evento Mahou.

O gañador do premio Santiago(é)Tapas que obteña unha maior puntuación do voto ponderado do xurado e do público representará a Santiago no concurso autonómico ‘De tapas por Galicia’, organizado por Turismo de Galicia.

Fotos: La Diapo