A Asociación Hostelería Compostela continúa recollendo queixas dos seus asociados sobre o deficiente
servizo de taxis que hai na cidade, e que desde fai máis de dous anos está a
causar numerosos prexuízos aos profesionais do sector, que se mostran moi
preocupados por esta situación que se prolonga no tempo e sobre a que urxe
unha solución.
Nesa liña manifestáronse todos os que se puxeron en contacto coa entidade,
que expresaron o seu malestar polo que está a suceder desde hai tempo con
este servizo público de transporte e sobre todo, «moi preocupados» ante a
campaña de verán, cando a cidade recibe unha maior afluencia de visitantes
que agravarán a situación.
«Chamáronnos moitos compañeiros hostaleiros queixándose da falta de taxis, o
que repercute negativamente nos nosos negocios», explica Thor Rodríguez,
presidente de Hostalería Compostela, «xa que os clientes, ante a imposibilidade
de conseguir taxis, están a anular reservas», algo que sucede especialmente
nos establecementos situados nos barrios periféricos, pero tamén en moitos do
centro e Casco Histórico.
As protestas dos clientes veñen tanto dos turistas como dos propios veciños,
sinalan os hostaleiros consultados, a cuxas queixas tamén se suman os
directores de hoteis, que ven incapaces de conseguir servizo de taxi en moitos
momentos do día, e que recoñecen que nalgún caso «mesmo xa se está
pensando nun servizo propio para poder solucionalo».
Apuntan tamén que o problema da falta de taxis non se dá só coa coincidencia
dalgún congreso ou algún evento, «que aí xa é unha tolemia, e de feito os
congresistas son os hóspedes que máis protestan por isto e que máis o
sofren», explican, senón que ocorre todos os días e a todas as horas e os
sofren tamén os veciños. «Pola noite é moi difícil conseguir un servizo de taxis
fluído e iso fai que moitos veciños da cidade cambien os seus hábitos á hora de
saír e gozar da oferta de lecer», din.
Desde o colectivo lembraron que a situación vén de lonxe. "Levamos dous anos
denunciando esta situación e lonxe de solucionarse, parece que se agrava",
afirma Thor Rodríguez, que espera que este asunto sexa un dos primeiros que
se aborde o novo Goberno local que tome posesión, xa que «urxe buscarlle
unha solución».