A Asociación Hostalería Compostela estima que a ocupación hostaleira para esta ponte de maio é do 88,73%. Son datos da enquisa realizada entre os asociados, tal e como explica o presidente da entidade, Thor Rodríguez, que o cualificou como un dato “moi positivo” para a cidade, matizando que “esta ocupación varía segundo a localización do hotel”.
“Os que están situados na améndoa atópanse practicamente ao 100%”,sinala, “pero segundo afástasche do Casco Histórico, a ocupación dos hoteis baixa”.
Con todo e a pesar da satisfacción que causa este dato de ocupación no sector, tamén está moi presente a súa preocupación pola rendibilidade dos establecementos debido á importante subida de materias primas dos últimos meses ou o incremento das cotizacións.
“No sector estamos moi preocupado pola subida de prezos, de enerxías, de produto fresco, etc.”, sinala o presidente de Hostalería Compostela.
“É moi difícil poder calcular gastos e custos se cada semana os prezos varíannos, complicando o noso labor e facendo unha diminución moi importante nos beneficios das nosas empresas”.