Trala reunión do pasado luns co BNG, a Asociación Hostalaría Compostela e comarca mantivo estes días dous encontros máis con membros de Ames Novo e do PSdeG-PSOE para tratar con eles as alegacións ao borrador da ordenanza de terrazas presentadas pola nosa entidade.

A nosa asociación considera positiva a resposta xeral e común dos representantes políticos da localidade, que avogan por darnos un tempo para o traballo e intentar así chegar a un consenso.

O seguinte paso será a reunión que manteremos a semana que vén co alcalde de Ames, Xosé Miñones, que é o que ten a titularidade de Urbanismo, departamento do que depende a normativa de terrazas.

Reunión con Ames Novo, grupo liderado por Quique Costas.

Demasiado restritiva

Hostalaría Compostela vén denunciando nas últimas semanas que o borrador da nova ordenanza de terrazas é demasiado restritivo para a realidade de Ames. O sector observa con preocupación, entre outros temas, que moitas das cuestións que regula queden ao criterio arbitrario do servizo técnico municipal.

No caso concreto do Milladoiro, os hostaleiros son conscientes de que o seu modelo urbanístico dificulta o equilibro de espazos peonís coas terrazas, pero o sector considera que a solución non pode vir a costa dos seus establecementos. As terrazas son un espazo de socialización máis e existen outras medidas máis axeitadas como a reordenación do tráfico que sirva para gañar espazo para os peóns.

Na foto de cabeceira: Reunión cos concelleiros do PSdeG-PSOE Blas García, Ana B. Paz e Víctor M. Fernández.