Esta mañá celebrouse a primeira das reunións telemáticas da comisión mixta formada por membros da Asociación Hostalaría Compostela e o Goberno local para tratar diferentes medidas que axuden a paliar a grave crise económica que atravesa o sector a consecuencia da pandemia do Covid-19.

Atendendo ás demandas da nosa entidade, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, mostrou a súa dispoñibilidade para flexibilizar a actual normativa das terrazas e poder reorganizar os espazos de xeito que, mantendo a distancia de seguridade exixida entre as mesas, sexa posible cubrir o 50% de aforo permitido.

Para poder levar a cabo dita reorganización, Hostalaría Compostela propúxolle a Urbanismo que facilite un informe indicando cal é o espazo susceptible de ampliar. Unha petición para a que aínda non se chegou a un acordo. 

En canto á volta ao traballo daqueles locais que abran desde este luns, 11 de maio, Rosón apelou á boa vontade da hostalaría para respectar a mobilidade peonil. 

Por outra banda, Hostalaría Compostela valora que o Concello anunciase a publicación hoxe mesmo dun decreto, con efectos inmediatos, para permitir a regularización do espazo das terrazas sen seguir o procedemento ordinario, pola vía de emerxencia. Unha medida que servirá para simplificar os trámites. En todo caso, a instalación das terrazas deberá ser compatible cos demais usuarios da vía pública e deberá respectar a circulación de vehículos de emerxencia ou daqueles que se dirixan a garaxes.

Ademais, tamén se anunciou que se está traballando nunha posible peatonalización das rúas Santiago de Chile, Fernando III O Santo, Rúa Nova de Abaixo e Santiago del Estero, tal e como solicitou a nosa Asociación, que se sumarían as rúas de Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas e República do Salvador que xa serán peonís durante esta fin de semana.

A comisión mixta volverase reunir este luns ou martes para seguir tratando diversas cuestións que afectan ao sector da hostalaría e para as que a nosa Asociación demanda a maior das axilidades.