A presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos, e o noso directivo Sergio Fernández reuníronse esta mañá cos deputados do BNG no Parlamento Galego, Carmela González e Daniel Pérez. Á xuntanza tamén asistiron Lucía Vázquez, presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago; Pepe Doré, da Asociación Galega de Salas de Concerto (ClubCultura), e Ángeles González, da Asociación Cultural Cidade Vella.
Na reunión manifestouse o momento crítico que, por mor da crise da Covid-19, están a atravesar a hospedaxe, o ocio nocturno, os músicos e outros axentes culturais que integran a hostalaría en Galicia, un sector fundamental para a nosa economía e do que viven, ademais, outras moitas empresas provedoras, distribuidoras, etc. Os representantes destas asociacións lamentaron que a Xunta estea tomando as decisións de xeito arbitrario e solicitaron colaboración para conseguir un diálogo directo co Goberno galego.
Tamén pediron que se estableza unha folla de ruta consensuada con todo o sector que garanta a volta ao traballo dunha forma paulatina, rápida e segura. En canto ao ocio nocturno, demandaron a eliminación, con carácter inmediato, da orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade que obriga a pechar os locais da noite e establece a 1 da madrugada como horario máximo de feche en todos os locais de hostalaría.
Entre outras cuestións, tamén solicitaron unha prórroga permanente dos ERTE ata a plena recuperación do sector; axudas directas aos traballadores autónomos que non poden abrir os seus negocios ou a exención nas cotas de seguridade social e de taxas municipais e autonómicas ata o verán do 2021, así como a redución do VE ata o 7%.
De non lograrse un consenso coa Xunta de Galicia o antes posible, e debido á gravidade da situación, o sector xa está a preparar a convocatoria de distintas mobilizacións en sinal de protesta.
Aínda que a saúde é o prioritario, os hostaleiros cren necesario lograr un equilibrio entre a seguridade sanitaria e a viabilidade económica e opinan que os esforzos deberían centrarse nas medidas preventivas de probas PCR e o labor dos rastrexadores, como máximo garante da contención do virus.