A Asociación Hostalaría Compostela solicitou esta mañá nunha reunión telemática co Goberno municipal unha declaración institucional de apoio aos locais de hostalaría nocturna que previsiblemente non abrirán os seus negocios ata setembro.

A Xunta Directiva recordou que son moitos os establecementos de Santiago dedicados ao ocio da noite, como pubs e discotecas, que levan xa máis de tres meses pechados e ven perigar o seu futuro. Hostalaría Compostela considera que o Goberno local debería instar ás autoridades competentes a dar unha solución o antes posible que permita garantir a viabilidade económica e o mantemento dos postos do traballo desta parte do sector.

Por outra banda, a Asociación tamén lamenta a falta de concreción de actividades de dinamizacón do turismo para este verán. Tendo en conta que estamos a menos dun mes para o seu inicio, empraza ao concelleiro Sindo Guinarte a dar conta dos plans do seu departamento coa maior brevidade posible. A entidade está ademais a traballar nunha actividade de animación de rúa para desenvolver no período estival que presentarán proximamente á concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, e para a cal reclaman un convenio de colaboración co Concello.

Axudas insuficientes

En canto ás axudas destinadas ao sector presentadas hoxe polo Concello, Hostalaría Compostela lamenta que non se lle informara con anterioridade do contido desta convocatoria para poder facer as súas aportacións.

Ditas axudas, que ascenden a 100.000 euros, son en opinión do sector totalmente insuficientes. De feito, ante a previsión da insuficiencia económica destas subvencións e a tardanza na súa presentación, algúns locais xa presentaron solicitudes ás axudas municipais para as que tiña preferencia o comercio, por un total de 270.000 euros.