A Asociación Hostalaría Compostela lamenta que a situación que atravesa o sector en Santiago se estea a volver insostible. Nas reunións mantidas ata o de agora da comisión formada por membros da Xunta Directiva e os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e Turismo, Sindo Guinarte, asegurouse que se produciría unha flexibilización da actual normativa das terrazas para poder reorganizar os espazos de xeito que, mantendo a distancia de seguridade exixida entre as mesas, fora posible cubrir o 50% de aforo permitido. Pero a realidade é moi distinta. “Atopámonos cunha interpretación restritiva da norma que imposibilita a colocación de ningunha mesa”, sinalan na entidade.

Así, segundo a interpretación que fai Urbanismo do Decreto de alcaldía aprobado o 8 de maio de 2020 no que se autoriza o incremento da ocupación do dominio público con mesas e cadeiras dos locais de hostalaría, débense manter 2 metros de distancia de seguridade por mor do Covid-19 e 2 metros para os pasos de tránsito peonil. Iso suma un total de 4 metros, unha distancia que fai totalmente inviable economicamente a apertura na práctica totalidade dos establecementos composteláns, que se afrontan ademais a expedientes con sancións de ata 6.000 euros de non cumprir coa norma.

Hostalaría Compostela solicita diálogo co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para poder dar unha solución a esta problemática na maior brevidade posible.

A nosa asociación entende que é necesario lograr o equilibrio no espazo público entre as terrazas e a mobilidade dos peóns. Tamén é consciente da importancia do cumprimento das medidas de distanciamento social e hixiene para evitar novos contaxios. A saúde é o primordial, e así o transmitiu aos socios e socias nunha comunicación que enviou onte. Unha carta na que apelaba á responsabilidade individual dos clientes e de todo o sector, así como á solidariedade de todos e todas.

 

 

Foto: Concello de Santiago