Unha delegación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela, encabezada pola súa presidenta, Sara Santos, reuniuse esta mañá co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no Pazo de Raxoi para falar da grave crise económica que atravesa o sector por mor da pandemia da Covid-19 e propoñerlle diferentes medidas económicas, sociais e de dinamización segundo o documento que se lle entregou en setembro de 2019.
Hostalaría Compostela valora o esforzo do Goberno local, que está demostrando estar á altura das circunstancias apoiando ao sector no marco das súas competencias. Así, entre as medidas acordadas, están o reforzo da liña de axudas directas á hostalaría no ano 2021, a supresión da taxa de terrazas no 2021 e a devolución con carácter inmediato mediante reclamación obxectiva por parte do interesado, da parte da taxa de 2020 que se corresponde ao período no que, despois do levantamento do Estado de Alarma, algúns establecementos seguiron con restricións, como os locais de ocio nocturno que continuaron pechados.
Ademais, o alcalde comprometeuse a sacar un decreto esta misma semana que facilite o uso das terrazas no inverno. En canto ao horario, e sempre que non haxa restricións de instancias superiores, poderán estar en funcionamento ata as 00:30 horas de domingo a xoves e ata a 1:30 horas as noites dos venres e sábados. Por outra banda, estudaranse os materiais e dimensións que deberán cumprir os biombos para ser compatibles co entorno e permitidos pola Comisión de Patrimonio Histórico. Os sistemas de quecemento terán que ser preferiblemente eléctricos, aínda que se poden valorar outros sistemas como pellets ou gas propano en caso de imposibilidade de usar aparatos eléctricos. Tamén estarán permitidas as luces con recargas de batería solar.
No que se refiere á posibilidade de utilizar zonas de aparcamento e carga e descarga para a ampliación do espazo das terrazas, farese un estudo individualizado de cada caso que así o solicite. Buscarase en todo momento lograr un equilibrio entre a actividade do local, o paso dos peóns e a seguridade dos vehículos.
Dinamización e promoción
Entre os acordos adoptados destaca tamén a posta en marcha de diferentes actividades de dinamización, como as da campaña de Nadal, e o reforzo doutras que houbo que suspender no 2020 como a Festa da Uña, o Banquete de Conxo ou o programa de actividades lúdico-culturais Compostela en Marcha que regresará na primavera de 2021.
Hostalaría Compostela traballará tamén co Concello na promoción da cidade de cara ao Ano Santo 2021.