Hostalaría Compostela, Turismo de Santiago e Renfe fomentarán as viaxes en tren ata Santiago como destino turístico

O presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, e a directiva Mayka Mera, acudiron á Feira Internacional de Turismo Fitur que se está a celebrar esta semana en Madrid para asistir a varios encontros e reunións nos que tratar diversos temas relacionados coa actualidade do sector.
Así, este mediodía Rodríguez asinou xunto co alcalde e presidente do Consello de Administración de INCOLSA-Turismo de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director de Área de Negocio de Alta Velocidade de Renfe, Francisco Arteaga, un acordo de colaboración para promocionar conxuntamente Santiago de Compostela e as viaxes en tren ata a capital galega.
O obxectivo é realizar diversas accións de márketing e comercialización para desenvolver o marco de colaboración conxunta para potenciar o posicionamento tanto de Santiago, como destino turístico, como de Renfe Viaxeiros, como operadora de servizos de ferrocarril, e ao mesmo tempo fomentar as viaxes en tren á cidade desde os principais mercados turísticos.
Renfe ofrecerá a todos os asistentes e expositores de todas as actividades levadas a cabo para a promoción do turismo de congresos, convencións e calquera outros eventos en xeral que se celebren ou organicen en Santiago de Compostela (previa presentación nos seus puntos de venda autorizados da “Autorización de Desconto” ou en www.renfe.com) un billete nos trens, cun 5% de desconto sobre a tarifa aberta ao público no momento da compra, en calquera das opcións dispoñibles (Básico, Elixe e Elixe Confort), e a posibilidade de ampliar o devandito desconto ao 10% en datas de tempada val.
As condicións pactadas no presente acordo, que estará en vigor ata o 31 de decembro do 2022, serán para os trens Ave e Longa Distancia. Esta oferta é válida para congresos ou eventos que reúnan a máis de 75 persoas que utilicen o tren nos seus desprazamentos.
Renfe ademais, aplicará unha redución non inferior ao 10% sobre o prezo de referencia no importe dos seus billetes, a todo viaxeiro que contrate a través da empresa ou empresas de receptivo designadas por Incolsa-Turismo de Santiago e a Asociación de Hostalería de Compostela das súas
escapadas temáticas ou de turismo MICE (Meetings, Incentivos, Convencións, Eventos e Congresos).
Incolsa—Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela ou calquera institución que organice un congreso ou evento nas instalacións de Santiago (Organizadores Profesionais de Congresos, Axencias de organización de eventos corporativos, Axencias de Viaxe...) poderán ofrecer
aos asistentes e expositores estes descontos especiais nos billetes de Renfe.