O presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, e o vogal de restauración Javier Míguez acudiron esta mañá a dúas reunións no Pazo de Raxoi: unha co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños; e outra coa concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.

Os hostaleiros trasladáronlle ao rexedor compostelán a preocupación do sector ante a escaseza de taxis. Nos últimos tempos, os hoteis e pensións da cidade están vendo como a súa clientela está tendo serios problemas para desprazarse con estes servizos públicos, soportando longas esperas que provocan numerosas queixas e repercutindo negativamente na imaxe que a cidade ofrece sobre o seu turismo.

Bugallo e Muíños concordaron nesta problemática e indicaron que recentemente se realizou un exame para incorporar novos condutores ao mercado laboral e, deste xeito, tratar de mellorar a situación.

Enquisa sobre a recollida de lixo

Por outro lado, os representantes de Hostalaría Compostela mantiveron tamén un encontro con Mila Castro, concelleira de Medio Ambiente, para coñecer as novidades do servizo de recollida de lixo trala sinatura dun novo contrato. Nas próximas semanas enviarase unha enquisa ao sector hostaleiro para tratar de establecer un horario de recollida consensuado.

Rodríguez e Míguez trasladaron tamén a preocupación do sector polo estado dalgúns colectores, que segundo indicou a concelleira, van ser substituídos.

Ademais, a Asociación comprometeuse a colaborar co Concello en futuras campañas de sensibilización sobre reciclaxe e reutilización de residuos dentro do sector.