A Asociación Hostalaría Compostela reuniuse onte no Parlamento de Galicia cos deputados composteláns do Partido Popular Paula Prado e Borja Verea para expoñerlles unha serie de medidas coas que tratar de mellorar a situación crítica que atravesa o sector tras un ano e medio de pandemia.

Este encontro forma parte dunha ronda de contactos coas distintas administracións e partidos políticos que iniciou a entidade hai un mes trala elección da súa nova Xunta Directiva. O equipo que encabeza Thor Rodríguez xa trasladou durante estas semanas as inquedanzas dos seus máis de 600 locais asociados ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; ao alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; e aos voceiros do BNG e do PP no Concello. A semana que vén celebraranse as reunións con Compostela Aberta e o Grupo Parlamentario Socialista, mentres agardan á resposta do Grupo Parlamentario do BNG para establecer unha data.

Propostas

O presidente solicitou que os cambios de restricións non se realicen os sábados, como vén sendo habitual, senón os luns para que non afecte ás provisións que normalmente realizan os locais en fin de semana. Tamén explicou a preocupación existente no sector por non estar cumprindo coas expectativas dos turistas que nos visitan neste verán e que se están atopando unha cidade ateigada e cunha hostalaría que non pode dar reposta, debido ás restricións vixentes, a todas as súas demandas.

O directivo Carlos Regueiro, do Hotel San Lorenzo, sinalou que o período estival está sendo bo para os hoteis e pensións da cidade grazas ao turismo nacional pero que este tipo de visitante en setembro deixa de viaxar e veñen por diante “seis meses moi duros”, cun escaso turismo estranxeiro, nos que “vai resultar moi difícil manter a todos os traballadores recuperados dos ERTES” ou incluso os negocios abertos.

Neste senso, Thor Rodríguez asegurou que hai “distintas velocidades” na recuperación do sector, e que para axudar aos máis castigados, como é o ocio nocturno, as restricións deberían ser por usos e non por licenzas. “Defendemos tamén que se estableza o 100% de capacidade nas terrazas en todos os locais e que prime a distancia entre mesas en lugar dos aforos”, apuntou.

Pola súa banda, Pili Fernández, socia de Hostalaría Compostela e propietaria do Pub Atlántico, destacou a peculiaridade dos cafés especiais en Santiago, aos que se lles equipara na normativa a outro tipo de pubs ou discotecas con pistas de baile “cando o noso uso non difire do dun local diúrno”.