Unha representación da directiva da Asociación Hostalaría Compostela, encabezada pola súa presidenta Sara Santos, reuniuse esta mañá co concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, para tratar diversas propostas que axuden ao sector a superar as consecuencias da crise do Covid-19.
A nosa entidade propuxo ao Goberno local a posta en marcha dunha campaña de promoción turística interna que sirva como captación de público galego. Unha campaña na que xa estamos traballando e que busca facer un chamamento para que os galegos e galegas visiten e gocen dos atractivos turísticos de Compostela neste verán.
Por outro lado, Hostalaría Compostela insiste na necesidade de fortalecer a idea de Compostela como capital turística do país. Tendo en conta que Santiago é a capital de Galicia e ocupa o centro xeográfico da mesma, a nosa cidade debería ser capaz de atraer a un importante número de turistas que pernocten na cidade e se despracen desde ela a outros destinos galegos, de mar ou montaña.
Ademais, Santiago conta cunhas estruturas e unha gran oferta gastronómica e cultural que fan dela un destino ideal para o turismo familiar.
É precisamente nestes tipos de público, familiar, galego e de proximidade, no que se basea a campaña que está elaborando a nosa entidade e que xa presentou tamén á Xunta de Galicia.