A Asociación Hostalaría Compostela continuou esta mañá a súa ronda de contactos coas distintas institucións e partidos políticos cunha reunión no Parlamento de Galicia coas deputadas socialistas Leticia Gallego e Noa Díaz.

O presidente da entidade Thor Rodríguez e o directivo Javier Míguez explicaron unha serie de medidas que propoñen para mellorar a situación dos negocios de hostalaría nestes tempos de pandemia. “Coa porcentaxe de vacinados que temos hoxe en Santiago, e que supera amplamente o 70%, é preciso cambiar o modelo, con menos restricións, aínda que se siga primando obviamente a seguridade dos clientes”, sinalaron.

Rodríguez destacou que grazas ao turismo galego e nacional a hostalaría compostelá moveuse en cifras prepandémicas en agosto, “pero un mes bo non arranxa ano e medio de perdas”. O presidente fixo fincapé en que os locais que sobreviviron á época máis dura da pandemia levan facendo “un grande esforzo” durante moito tempo e teñen agora por diante un final de ano de “moita incerteza”. Por iso é preciso seguir traballando en políticas que permitan desestacionalizar e ordenar o noso turismo.

Hostalaría Compostela tamén trasladou a preocupación existente no sector por non estar cumprindo coas expectativas daqueles que nos visitan, que en agosto atoparon unha cidade ateigada e cunha hostalaría que non podía dar reposta, debido ás restricións impostas, a todas as súas demandas.

Ademais, entre as propostas presentadas por Hostalaría Compostela inclúense que se establezan as restricións por usos e non por licenzas, que as terrazas poidan estar ao 100% de capacidade en todos os locais, que prime a distancia entre mesas en lugar dos aforos e que os cambios non entre en vigor os sábados, como vén sendo habitual, senón os luns para que non afecte ás provisións que normalmente se realizan para as fins de semana.