A Asociación Hostalaría Compostela acudiu esta mañá á concentración que se celebrou diante da sucursal do BBVA na Rúa do Vilar para reclamar que non se proceda ao seu peche o vindeiro 17 de outubro, tal e como está previsto. Un pechamento que se suma ao doutras entidades bancarias que xa abandonaron anteriormente o Casco Histórico de Santiago.

Na protesta tamén participaron representantes da veciñanza,  da asociación de comerciantes Compostela Monumental e dos distintos partidos políticos con representación na Corporación para exixir que se manteña un servizo fundamental tanto para a cidadanía como para os negocios da zona.

Hostalaría Compostela considera que este é un golpe máis para un xa moi castigado Casco Histórico, que continúa perdendo poboación e no que resulta difícil manter os negocios sen un servizo bancario próximo para poder atender tanto as necesidades das empresas como da súa clientela. Por iso, agardan que a entidade bancaria recapacite sobre a súa decisión e aposte finalmente por manter aberta a sucursal da Rúa do Vilar.