A Asociación Hostalaría Compostela vén constatando nos últimos meses graves deficiencias no servizo de taxis da cidade. Hoteis e pensións composteláns están vendo como a súa clientela está tendo serios problemas para desprazarse con estes servizos públicos, soportando longas esperas que provocan numerosas queixas e repercutindo negativamente na imaxe que a cidade ofrece sobre o seu turismo.
Hostalaría Compostela xa trasladara esta problemática ao Concello de Santiago no mes de xullo, quen informou da incorporación de novos condutores. Sen embargo, a situación a día de hoxe segue sen solucionarse, polo que a entidade reclama que se busque unha mellora o antes posible.