A sede da Asociación Hostalaría Compostela acolleu esta tarde unha reunión na que os socios e socias acordaron presentar unha serie de alegacións ao borrador da nova Ordenanza Xeral de Circulación e de uso da vía pública do Concello de Santiago. O sector considera “irreais” e “inviables” os novos horarios de carga e descarga que propón o Goberno local e que suporían ter que realizar o reparto entre as 7:00 e as 9:00 horas no Casco Histórico e ata as 10:00 no resto da cidade. “Moitos locais non están abertos a esas horas. Maioritariamente pertencen a traballadores autónomos, que teñen poucos empregados ou ningún, pechan tarde e terían que recibir aos seus provedores practicamente sen descanso”, sinalou o presidente da entidade, Thor Rodríguez.
As empresas de reparto tampouco están de acordo coa proposta municipal e así o manifestaron representantes dalgúns destes negocios que asistiron a esta reunión. Ademais, a semana que vén Hostalaría Compostelá manterá un encontro coa Federación Galega de Transporte de Mercancías para seguir avanzando en posibles solucións.
Entre as alegacións que se acordaron realizar están:
- Flexibilizar o horario de carga e descarga e adaptalo á situación real dos negocios de hostalaría, permitindo realizalo ata polo menos as 10:30 horas.
- Buscar opcións para poder abastecer aos locais de ocio nocturno, establecendo un reparto especial os xoves pola tarde de 16:00 a 18:00 horas.
- Establecer varias localizacións no entorno do Casco Histórico nas que os vehículos de reparto poidan parar e descargar e, desde alí, levar as mercancías aos locais de hostalaría. En concreto, propóñense como puntos de saída, por exemplo, as prazas de San Clemente e Mazarelos e os espazos de aparcamento da Algalia e do Pombal.
Hostalaría Compostela espera que o Concello atenda estas peticións, tendo en conta ademais a delicada situación que atravesa o sector despois de 18 meses de restricións por mor da pandemia da Covid-19.