A Asociación Hostalaría Compostela quere amosar a súa profunda preocupación polo estado económico e anímico dos seus socios e socias despois das novas restricións impostas ao sector -que implican o peche do interior do ocio nocturno e a necesidade de presentar un carné de vacinación, proba negativa de covid-19 ou un documento de pasar a enfermidade para acceder ao interior de bares e restaurantes- que xa viñan cumprindo algúns dos concellos da comarca compostelá e que, desde este sábado, deberán cumprirse tamén en Santiago ou Ames.
“Entendemos que estamos nunha situación de pandemia e que a saúde debe ser o primeiro, pero a hostalaría leva moito tempo sufrindo e cada vez resulta máis difícil sacar os nosos negocios adiante”, sinalou o presidente, Thor Rodríguez. “Esperamos que este sexa o último esforzo”, engadiu.
Hostalaría Compostela fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva da sociedade para frear o incremento dos contaxios. “Preocúpanos tamén que mentres os hostaleiros seguimos cumprindo coa normativa, se sigan producindo gromos en reunións de tipo de privado que non se están a controlar”, apuntou Rodríguez.