O centro sociocultural de Vite ‘José Saramago’ acolleu a II Xornada de Restauración sen Glute, organizada pola Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), coa colaboración, entre outros, da Asociación Hostalaría Compostela. 

A presidenta de ACEGA, Gloria Bernández, e o presidente de Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, inauguraron a xornada ás 10:00 horas. O programa continuou coa intervención de Nuria Colmenero, que explicou o programa ‘Restauración en Galicia Sen Glute’, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. 

A continuación, Thor Rodríguez moderou a mesa ‘A importancia da comunicación na hostalaría’, con Alberto Travesa, da revista ‘La Alacena Roja’, e Uxía Álvarez, de SOC Comunicación.  

A xornada rematou cunha mesa de hostalaría na que participaron representantes de establecementos asesorados por ACEGA: Sara Cantón, do Obrador Pan Para Todos (Vigo); Sandra Varela, do restaurante A Sastrería (A Coruña); Yolanda Buceta, do Obrador Ecogalletas (Padrón); e Sergio Delpont, do restaurante O Sendeiro (Santiago).

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización, Jacobo Rey Sastre, clausurou o evento. 

Proxecto “Restauración en Galicia Sen Glute”

“Restauración en Galicia Sen Glute” é un proxecto da Asociación de Celíacos de Galicia que conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. A través del, ofrecen información e formación aos establecementos hostaleiros de maneira gratuíta acerca de como elaborar un menú sen glute de maneira segura e libre de contaminación cruzada.

Ademais do asesoramento personalizado, os establecementos que forman parte do proxecto sométense a controles analíticos por parte da asociación e contan cun selo de calidade que o identifica como establecemento apto para celíacos.

Por outra banda, dende ACEGA dan difusión a todos os establecementos que forman parte do proxecto, para así facilitar que as persoas celíacas poidan acceder a unha hostalaría máis segura para eles.

Sobre ACEGA

A Asociación de Celíacos de Galicia (celiacosgalicia.es) é unha entidade sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo fundamental é axudar a todas as persoas afectadas pola Enfermidade Celíaca e Dermatite Herpetiforme.

Agrupa con carácter voluntario a celíacos, os seus familiares e a todos aqueles enfermos cuxo tratamento esixa manter unha dieta sen glute, a fin de tratar as solucións máis idóneas aos problemas de tipo social, psicolóxico e técnico que poden presentarse como consecuencia da súa condición.

Contan con case 2.000 asociados en toda Galicia. Sábese que entorno ao 2% da poboación de Europa é celíaca, pero aínda así, debido ao difícil diagnóstico e ao gran descoñecemento desta patoloxía, o 75% destes están sen diagnosticar.

É por elo que dende ACEGA buscan sensibilizar á poboación e ás administracións públicas sobre a problemática que se deriva da enfermidade celíaca e mellorar así a calidade de vida das persoas celíacas favorecendo a súa integración social con distintas actividades e formacións.

Ofrecen varios servizos, tanto aos socios coma á sociedade en xeral, sendo algúns deles a información e asesoramento ao celíaco recentemente diagnosticado, a publicación anual dunha Lista de Alimentos e a aplicación móbil, actividades de convivencia e encontros entre asociados, desenrolo do programa Restauración En Galicia Sen Glute, actividades de difusión, información e concienciación á poboación xeral e a colectivos de interese, tales como sanitarios ou restauración, entre outros.