Un total de 114 establecementos de Santiago, do ámbito comercial e da hostalería, participarán nas iniciativas de homenaxe a Rosalía de Castro impulsadas pola Asociación de Veciños Raigame, e nas que colaboran distintas entidades, entre elas Hostalaría Compostela.
Entre o 21 e o 27 de febreiro, os comercios adheridos a esta iniciativa agasallarán á súa clientela cun marcapáxinas co lema «Rosalía ben merece unha praza» e os nomes dos restaurantes que ofrecen caldo de gloria. E os locais de hostalería distribuirán un pousavasos, co nome dos comercios participantes. Premendo aquí podes consultar a lista de locais asociados a Hostalaría Compostela que participan nesta ‘Semana de Rosalía’.
O presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, destacou a importancia da figura de Rosalía de Castro e agradeceu á Raigame e ao Concello de Santiago a posta en marcha destas actividades que axudan a dinamizar ao sector e a crear vínculos co comercio da cidade.
Praza de Rosalía de Castro
Nesta iniciativa, que ten ten como obxectivo difundir a figura e o pensamento de Rosalía de Castro, están implicadas, ademais do Concello de Santiago, a Asociación de Veciños Raigame, a Fundación Rosalía de Castro, Comercio Punto Compostela, Em Rede, Asociación Hostalería Compostela e Hostalaria.gal
Xosé Manuel Durán, presidente da AV Raigame do Ensanche, aproveitou para pedir que a actual Praza de Vigo, na contorna da cal se localizaba a casa na que naceu a poeta, pase a levar o nome de Rosalía de Castro. Unha petición que, sinalou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, vaise estudar por parte do Concello.