O proceso de desescalada presentado hoxe polo presidente da Xunta é para Hostalaría Compostela insuficiente xa que non inclúe un plan de axudas estable para todos aqueles negocios que non poidan reabrir. A nosa Asociación considera que os límites de aforo marcados non son viables para unha gran parte da hostalaría, como aqueles que contan con locais pequenos ou que non teñen terrazas, e que ademais non poden usar as barras. “Segue sendo unha proposta improvisada. Nós cremos que é necesario un debate máis serio e por iso mantemos a nosa vontade de diálogo”, sosteñen.
Hostalaría Compostela lamenta tamén que non se permita aos locais de ocio nocturno desenvolver actividades propias de café e bar no mesmo horario que o resto de establecementos, horario que teñen permitido nas súas licenzas.
Tampouco se avaliaron outro tipo de medidas que nós propuxemos como limitar ou anular fíos musicais nos restaurantes cando a capacidade estea ao límite, para evitar que a xente teña que falar máis alto e emitir un maior nivel de aerosois. Ou reforzar con ventilación mecánica aqueles locais que poidan ter unha ventilación natural insuficiente.
Para a Asociación compostelá si que é acertado, tal e como se recollía na súa proposta, que as medidas varíen en cada territorio dependendo dos criterios obxectivos epidemiolóxicos.
Reunión co Concello
Esta mañá a presidenta da nosa Asociación, Sara Santos, os directivos Lois Lopes e Sergio Fernández, e o xerente Ramón García reuníronse co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, para pechar as bases das axudas para o financiamento do gasto corrente. “Valoramos o esforzo feito polo Goberno municipal, froito dunha serie de reunións que levamos tendo desde o mes de abril, para que o Concello, desde as súas competencias, poida botar unha man ao sector”, afirman.
As axudas terán unha contía mínima de 1000 euros e máxima de 2500 euros, mentres que para o sector do ocio nocturno poderá ser de ata 3000. “Esperemos que poidan alcanzar a todos os solicitantes e, de non ser así, o alcalde comprometeuse a revisalo para outras posibles convocatorias. Consideramos que estas axudas non son suficientes pero supoñen un alivio”, opinan.
FOTOS: Xunta de Galicia e Concello de Santiago