A Asociación Hostalaría Compostela decidiu render unha homenaxe a todas as profesionais do sector na cidade, especialmente aquelas que estaban en activo durante os anos oitenta e noventa cando non obtiñan ningún tipo de recoñecemento. “Son mulleres que pasaban moitas horas, todos os días da semana, nas cociñas dos restaurantes, nuns traballos moi duros, sacando adiante os seus negocios, case sempre na sombra, sen recibir eloxios e moito menos, premios”, sinala o presidente, Thor Rodríguez.
Para representar a este colectivo, a Asociación escolleu a Carmen Iglesias, do restaurante A Charca; Esclavitud Pose Corral, do restaurante Los Caracoles; e Matilde Rodríguez, do restaurante Don Quijote. A entidade entregaralles uns premios durante o transcurso da gala do XIV Santiago(é)Tapas e III Santiago(é)Cóctel, que se celebrará o próximo luns, 28 de novembro, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia.
HOMENAXEADAS
Carmen Iglesias (Val do Dubra, 1945) abriu o restaurante A Charca (Rúa do Franco, 32) no ano 1975. Leva á súas costas case 47 anos de traballo e aínda continúa como xubilada en activo.
Esclavitud Pose Corral (Val do Dubra, 1950), máis coñecida como Esclavita, montou o restaurante Los Caracoles (Rúa da Raíña, 25), xunto co seu marido Germán González (xa falecido) no ano 1986.
Matilde Rodríguez (Cangas de Narcea - Asturias, 1950) leva traballando no restaurante Don Quijote (Rúa das Galeras, 20) desde a súa apertura no ano 1979.