A Asociación Hostalaría Compostela celebrará as eleccións á Xunta Directiva o próximo 18 de marzo. A actual presidenta, Sara Santos, non repetirá no cargo. Despois de seis anos á fronte da principal entidade que representa aos hostaleiros e hostaleiras composteláns, Santos cre que é “o momento de que outros compañeiros e compañeiras dean un paso adiante e tomen as rendas da institución”. “Anímoos a tomar o relevo. A hostalaría está atravesando unha situación moi delicada por mor da pandemia da Covid-19 e debemos estar máis unidos e fortes que nunca. É hora de que xente nova aporte as súas ideas e xuntos poidamos saír desta crise tan grande”, asegura.
A convocatoria para as eleccións fíxose chegar aos locais asociados o pasado venres, 26 de febreiro, e desde entón, teñen dez días para presentar candidaturas. Polo que haberá que facelo antes do vindeiro martes, 9 de marzo. Estas deberán ter doce membros, coa proposta de quen é o presidente e o vicepresidente, e sendo seis membros de hospedaxe e seis de restauración. A presidencia e a vicepresidencia non poderán pertencer á mesma sección.
A votación e posterior proclamación da nova Xunta Directiva terá lugar o 18 de marzo, ás 17:30 horas en primeira convocatoria e 18:00 horas en segunda convocatoria, na sede da Asociación, na rúa Salvadas 29-31, baixo, en Santiago.
Santos accedeu ao cargo por primeira vez nas eleccións celebradas en febreiro de 2015, nese momento como presidenta da sección de hospedaxe xunto con José Antonio Riveiro, como presidente da sección de restauración. Posteriormente, no ano 2017, a Asociación modificou os seus estatutos pasando de 24 a 12 membros na súa Xunta Directiva e establecendo un único cargo na presidencia, que seguiu ostentando Sara trala celebración dunhas novas eleccións.