O Hostal Parador dos Reis Católicos acolleu esta mañá a presentación do proxecto ‘Café Solidario 360’, no que colabora a Asociación Hostalaría Compostela. Trátase dun proxecto de sensibilización medioambiental e de promoción da Economía 360 a favor da Fundación Andrea.
Na rolda de prensa participaron os promotores desta iniciativa: Óscar de Toro, do Café Venecia, e Miguel Ángel Rodríguez, de Ideas para tu Huerto. Tamén, o presidente da nosa Asociación, Thor Rodríguez; Bruno Hermida, delegado en Galicia de Cafés Dromedario, patrocinadores do proxecto; e Charo Barca, presidenta da Fundación Andrea.
Thor Rodríguez destacou que xa hai varios locais anotados para colaborar con este iniciativa: A Grella, Bar Polígono, Bodeguilla de Santa Marta, Bodeguilla de San Lázaro, Café Bar Vagalume, Café Venecia, O Dezaseis e Restaurante Mera.
Ademais, explicou que aqueles que se queiran seguir sumando poden facelo a través da web cafesolidario360.com ou, no caso dos establecementos asociados a Hostalería Compostela, escribindo ao correo electrónico laboral@santiagohosteleria.org
De café a cogomelos
A base do proxecto é a reutilización das borras do café, un residuo rico en nitróxeno como substrato, para o autocultivo de cogomelos, concretamente da variedade Cogomelo Ostra. O establecemento de hostalería colaborador reduce os residuos do café. O cliente final adquire o substrato e pode realizar o autocultivo na súa casa a través duns kits que estarán á venda desde o 16 de maio na web cafesolidario360.com
Este kit inclúe unha bolsa de tea de algodón, unha bolsa de sementes de cogomelos, un folleto coas instrucións para o cultivo na casa e unha bolsa coas borras de café (aproximadamente 3 quilos) recollidas polo establecemento colaborador. O cliente fará a compra online do kit de plantación por un prezo de 15€ e seleccionará o local de hostalaría onde quere recollelo. Finalmente será o establecemento o que se porá en contacto co cliente para determinar a data de recollida do kit.
Todos os beneficios obtidos coa venda dos kits de autocultivo irán destinados integramente á Fundación Andrea, de apoio as familias con fillos con enfermidades de larga duración, crónicas ou terminais.