Nos últimos meses tanto os datos de ocupación de hoteis e pensións como o servizo que están ofrecendo os bares e restaurantes de Santiago de Compostela e a súa comarca están movéndose en cifras similares as do ano 2019, antes da pandemia da covid-19. Non obstante, Hostalaría Compostela quere destacar que unha gran parte do sector está tendo graves problemas de rendibilidade. “Os locais están cheos, as caixas son as mesmas, pero o beneficio é moito menor”, sinala o presidente, Thor Rodríguez.
A entidade achaca esta situación a varios factores. Por un lado, moitos establecementos de hostalaría están enfrontándose na actualidade ao pago dos créditos ICO que se viron obrigados a pedir durante a pandemia. Por outro, o brutal incremento de custes enerxéticos e de subministración, así como a inflación que supera o 10%, que estamos vivindo nestes tempos están facendo moito dano a uns negocios que viñan de pasalo moi mal nos últimos dous anos. “Non só temos máis gastos, senón que tamén está cambiando o consumo. Por exemplo, familias que saen a comer fóra, pero non piden sobremesa, ou xente que sae a tomar algo pola noite e pide cervexas en lugar de copas”, engade Rodríguez.
O presidente tamén explica que se ben os datos de ocupación hoteleira superan de media o 80%, algúns establecementos están por debaixo do esperado nun verán de Ano Santo coma este. Un problema que se atribúe ao excesivo excursionismo e á existencia dunha ampla oferta de aloxamento turístico ilegal que convén regular.