O presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, e a xerente de Viaqua SAU, Ana Tejeiro, asinaron esta semana un convenio marco de colaboración empresarial entre ambas entidades.

O obxecto deste acordo é a regulación do marco de colaboración entre Hostalaria Compostela e Viaqua para o desenvolvemento de actividades que sexan de interese común e redunden no beneficio da sociedade.  

Así, entre outras cousas, ambas entidades comprométense a poñer en marcha campañas en apoio do sector hostaleiro e á celebración de días conmemorativos de xeito conxunto. 

Charla no Día Mundial da Auga

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga o próximo 22 de marzo, Viaqua organizará unha actividade no I Encontro do Viño Galego Revera Vinum, que promove a nosa Asociación. A charla celebrarase ás 11:00 horas no auditorio do Hotel Monumento San Francisco e levará por título: ‘Dixitalización e optimización da rega en viñedos como mellor forma de optimizar os recursos e aumentar a produtividade‘. Será impartida por Antonio Sainz, director xeral e co-fundador desde 2010 de Qampo, partner de Agbar, grupo ao que pertence Viaqua.

A monitoraxe do chan dos viñedos permite coñecer que está a ocorrer na raíz da planta. Desta forma poderemos adiantarnos e tomar as decisións máis acertadas permitindo coñecer todos os parámetros do chan e aqueles parámetros ambientais que afectan de forma directa ao cultivo. Tamén saberemos a cantidade de auga a usar, sen que nada se desperdicie e a duración e espazado no tempo das regas para realizar de forma moi precisa. Tendo en conta a auga procedente da choiva, a temperatura e humidade ambientais, a humidade do chan, a cantidade de auga usada nas regas e a condutividade eléctrica da auga de rega, pódese saber cunha gran precisión como adecuar as regas a cada campaña e adaptarnos mellor aos períodos de choiva e de seca.

Viaqua e Qampo propoñen sistemas que permiten a monitoraxe e a análise de parámetros agronómicos e ambientais co fin de optimizar a produción, a calidade e a sustentabilidade ambiental (pegada hídrica, pegada de carbono e axenda 2030), así como reducir os riscos produtivos (enfermidades, xeadas…). Coñecer os parámetros chave que influíron ao viñedo durante cada campaña, permite ir axustando os manexos para conseguir unha maior repetibilidade entre campañas e entre as diferentes leiras.