O presidente de Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, reuniuse esta mañá no Pazo de Raxoi co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón, para presentarlles os obxectivos e metas da Asociación trala elección da súa nova Xunta Directiva.
O rexedor ofreceulle “toda a colaboración” nesta nova etapa. “A hostalería é un servizo esencial, un sector económico moi dinámico e moi importante para Santiago”, sinalou.
Durante o encontro, Thor expuxo a preocupación da entidade por como están afectando as últimas restricións aos locais de hostalaría da cidade, que xa están a sufrir algunhas cancelacións en hoteis e, sobre todo, en restaurantes. O presidente amosou a súa intranquilidade especialmente pola situación do ocio nocturno, pechado no interior e cunha capacidade de terraza moi baixa.
Desde Hostalaría Compostela alertan ademais de que nestes últimos días estanse a producir certas situacións de confusión entre a clientela que non acaba de entender ou aceptar a normativa que obriga a presentar o certificado de vacinación ou proba negativa en covid-19 para poder acceder ao interior dos locais. “Estas normas poñen á hostalaría nunha posición moi complicada. Aínda que a maioría da clientela é comprensiva, tamén hai quen non o é e nós non podemos estar a facer de policías”, lamentan.
A Asociación destaca que o sector leva máis de ano e medio acatando as normas sanitarias, adaptándose a multitude de cambios e demostrando que os seus espazos son seguros. Por iso, agardan que se poida buscar unha solución alternativa o antes posible.