A Asociación Hostalaría Compostela celebra as novas normas que anunciou hoxe o presidente da Xunta e que supoñen que a partir do domingo Galicia deixe de estar pechada perimetralmente, se suprima o toque de queda (excepto nos municipios con restrición máxima) e se amplíen os horarios do bares -ata as 23:00 horas- e restaurantes -ata a 1:00.
A entidade recorda que aínda son moitos os hoteis e pensións de Santiago e a súa comarca que continúan pechados agardando por unha melloría da situación, negocios que se verán beneficiados polo cese do peche perimetral da comunidade. Por outra banda, a entidade valora que cafeterías e bares que tamén serven pratos combinados ou racións poidan ter a posibilidade de estar abertos durante o horario de ceas, pois se consideraba un agravio comparativo en relación aos restaurantes.
“É unha moi boa noticia que pouco a pouco o sector poida ir volvendo á normalidade. Preferimos que os pasos que se dean sexan firmes e seguros. O que sería terrible sería dar pasos atrás. Moitos negocios están nunha situación límite despois de máis dun ano de pandemia e non o soportarían”, opinan desde a Asociación.
Condena da agresión nun local de O Milladoiro
Asociación Hostalaría Compostela lamenta profundamente a agresión que sufriron o pasado 17 de abril os traballadores do Bar La Leche, no Milladoiro (Ames), cando se negaron a servir a uns clientes porque estaba moi cerca a hora de peche imposta polas restricións da pandemia. En relación a este caso, a Garda Civil acaba de informar da detención de seis persoas, ás que se lles acusa de dous delitos de agresión e un de danos.
A entidade exixe que a Xustiza non deixe impune un ataque coma este. A asociación que representa aos hostaleiros e hostaleiras de Santiago e a súa comarca subliña que o sector vén desde o inicio da pandemia non só soportando unhas duras limitacións que o manteñen nunha grave crise económica e que xa levaron á ruína a moitos negocios, senón tamén tendo que asumir un papel de controladores das medidas impostas polas autoridades que, en determinadas ocasións, leva a enfrontamentos cunha parte da clientela que non as cumpre.
Hostalaría Compostela quere amosar toda a súa solidariedade cos propietarios do Bar La Leche, así como dos camareiros que se atopaban nese momento no local e foron agredidos. Altercados deste tipo non deberían volver a repetirse.