Esta mañá presentouse o Curso de Inserción Social de Axudante de Cociña, que se está a celebrar na sede da Asociación Hostalaría Compostela, en colaboración con Cash Record.
Asistiron á rolda de prensa a presidenta da nosa entidade, Sara Santos; o Xerente de Cash Record en Santiago, Simón Quintela; e o profesor do CIFP Compostela, Xosé Quintáns.
O curso, no que colabora Cash Record donando os produtos que prepararán os diferentes alumnos, diríxese a persoas en risco de exclusión social co obxectivo de mellorar a súa formación e aumentar as súas oportunidades de lograr un posto de traballo. As clases, que comezaron xa hoxe, martes 30 de xuño en horario de mañá, desenvolveranse ata o vindeiro 15 de xullo e estarán impartidas polo profesor do CIFP Compostela, Xosé Quintáns.
Os módulos que se propoñen están relacionados co currículo do Ciclo medio de Cociña e Gastronomía da Familia Profesional de Hostalaría e Turismo. Así, os asistentes aprenderán técnicas de elaboración culinaria, respectando a normativa hixénico-sanitaria na preelaboración, elaboración e conservación dos produtos, así como na limpeza e recollida posterior. O curso centrarase nas elaboracións de sopas, cremas, hortalizas, potaxes, ensaladas, ovos, arroces, pastas, peixes e carnes.
Durante a súa intervención, Sara Santos indicou que a crise económica provocada pola pandemia do Covid-19 é “moi seria” e está afectando de xeito moi significativo ao sector da hostalaría, “pero estamos traballando para tratar de saír adiante e todos merecemos unha oportunidade. Estamos seguros de que as clases que recibirán os alumnos e alumnas que participan nesta edición da man do profesor Xosé Quintáns e grazas á colaboración de Cash Record serán de moito proveito”.