A Asociación Hostalaría Compostela quere manifestar a súa disconformidade coa instrución sobre a ordenación das terrazas publicada polo Concello no día de hoxe. O sector considera que unha vez máis estamos ante unha interpretación da norma restritiva, arbitraria e que non respecta o comprometido nas reunións da comisión mixta que se celebraron nas últimas semanas.
Así, este documento indica que se debe respectar unha área peonil cun largo mínimo de 2 metros, deixando ao criterio arbitrario do Concello cal será o máximo. De feito, esta mañá xa publicou unha actualización do mapa da ocupación da vía pública autorizada no que percibimos que moitas prazas de terrazas foron eliminadas.
Ademais, aínda que nesta interpretación da norma é posible agrupar dúas mesas de catro cadeiras cada unha para atender a un grupo de 8 persoas, indícase que as mesas que se acheguen teranse en conta cada unha delas independentemente para o número total das permitidas. É dicir, non se permite ampliar unha mesa máis aínda que quedase un espazo suficiente (que mantivese o distanciamento social e o paso dos peóns) para facelo. Unha medida que si se contempla na norma estatal publicada no BOE, que faculta aos concellos a decidir sobre a posible ampliación das terrazas.
Por outra banda, Hostalaría opina que as instrucións do Concello continúan sendo confusas. Por exemplo, non se permite a apertura das terrazas na Praza de Europa, en Area Central, por considerarse terrazas interiores, cando en non é necesario acceder aos locais para chegar a elas, senón que basta con utilizar as portas que dan acceso ao centro comercial e ás vivendas.
Hostalaría Compostela lamenta que o Goberno local poida estar aproveitando a situación dramática que está a vivir o sector para poñer en marcha o seu modelo de cidade contrario ao servizo que dan as terrazas. A nosa entidade insiste na súa disposición a recuperar o diálogo co Concello para poder dar unha solución a esta problemática. Reitera ademais o seu convencemento de que é posible lograr un equilibro entre as terrazas e a mobilidade dos peóns, coidando a saúde tanto da veciñanza como dos traballadores.
Podedes consultar aquí a instrución do Concello.