Preto de 2000 persoas e 150 vehículos participaron esta mañá en Santiago na manifestación convocada por primeira vez de maneira conxunta polas asociacións Hostalaría Compostela, Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña, Asociación de Hosteleros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO), Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), Federación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Ourense e Asociación de Empresarios de Hostelería Ferrol e comarcas.
A marcha partiu ás 11:00 horas do Palacio de Congresos para percorrer a pé o último tramo do Camiño Francés e chegou ás 12:30 horas á Praza do Obradoiro onde os actores Federico Pérez e Patricia Vazquez e a xornalista Belén Regueiro leron un manifesto. Os hostaleiros exixiron a posta en marcha xa do Plan de Rescate que presentaron hai semanas á administración central e á Xunta de Galicia. “Exiximos unha solución global que nos permita traballar, cuns criterios claros, e buscar unha solución para aquelas persoas e negocios que desde o criterio sanitario non teñan condicións de poder desenvolver a súa actividade cun grao de normalidade aceptable”, sinalaron.
O sector tamén reclamou unha mellora nas axudas presentadas polo Goberno galego, que ven claramente “insuficientes” e das que, por agora, só falaron nas reunións técnicas que mantivo a mesa de diálogo entre Xunta e hostalaría.
Os hostaleiros lamentaron que se lles siga criminalizando intentando presentalos como os principais responsables da pandemia da Covid-19, cando, segundo datos do Ministerio de Sanidade, o 14.6 % dos total de casos activos prodúcese nas reunións privadas (comidas familiares, festas en pisos…) onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade. “Chegamos á conclusión que canta menos hostalaría, máis contaxios no ámbito social privado”, subliñaron.
Para os representantes do sector galego as restricións aplicadas son “desproporcionadas” xa que, tendo en conta o dato de Incidencia Acumulada do virus a 14 días, Galicia é a cuarta comunidade que menos casos ten; e a 7 días, é a terceira comunidade con menor incidencia. Ademais, a hostalaría cumpre escrupulosamente as normas de seguridade que ditan as autoridades sanitarias, e demóstrao a práctica nulidade de sancións que existen no sector.
“Somos firmes defensores de que a saúde e a vida teñen a máxima prioridade. A economía é tamén condición necesaria para garantir a vida, polo que urxe tomar decisións nesta materia”, concluíron.