Enmarcado no Encontro do Viño Galego Revera Vinum, que celebrará a súa segunda edición no San Francisco Hotel Monumento os próximos 27 e 28 de marzo, o roteiro Galicia en Copas presentouse hoxe en Compostela cun acto informal no bar La Planta, un dos locais que forman parte do circuito hostaleiro onde ata o próximo día 31 se promocionarán as referencias galegas que forman parte das cinco Denominacións de Orixe e as catro IXP.
Será unha das actividades estrela desta edición que promove a Asociación Hostelería Compostela, tal e como afirmou o seu presidente, Thor Rodríguez, quen lembrou que “o principal obxectivo da iniciativa é estreitar a relación entre as adegas, os locais de hostalaría e os consumidores”, e agradeceu a colaboración dos patrocinadores, entre eles a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, representados polo xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e o concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, e a axuda prestada por outras entidades como o Clúster de Turismo ou o CIFP Compostela.
Tamén destacou a importancia da actividade para promover o produto galego como parte vital do turismo de Galicia, explicando que «o viño é unha parte importante do rural galego, e a hostalería sen o rural e os seus produtos non é nada».
Antonio Casas, xerente de Turismo de Galicia, fixo fincapé no beneficioso que resulta «a unión do viño coa hostalería para potenciar o turismo», tendo en conta de que o viño é, ademais, un dos produtos estrela da gastronomía. Na mesma liña manifestouse o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, que ve moi interesante «trasladar á rúa» a esencia do Revera Vinum, unha feira centrada na promoción dos viños galegos que ao seu xuízo, «non só está xa consolidada na súa segunda edición, senón que xa ten encamiñada a terceira».
ROTEIRO. Pola súa banda, Javier Míguez, director técnico do Revera Vinum, explicou a dinámica da actividade, “na que participarán 27 establecementos repartidos por distintas zonas da cidade”, animando a veciños e visitantes “a coñecer e degustar viños galegos”.
Así, cada local incluido no Galicia en Copas, ofrecerá ata final de marzo un mínimo de dous viños pertencentes a dúas Denominacions de Orixen galegas ou ben de Indicacións Xeográficas Protexidas, e selarán a tarxeta facilitada polos clientes, onde conste o consumo do viño elixido. O selo será a proba que acredita a participación no concurso, xa que os clientes que entreguen a cartolina co selo de seis locais distintos participarán no sorteo de diversos premios, entre eles “cinco estancias en casas de turismo rural, seis experiencias Ponte da Boga, con visita, cata e degustación en adega, dez experiencias Regina Viarum con visita e cata en adega, e seis experiencias Martín Códax, así como varios lotes de viño facilitados polas D.O. galegas.
ACTIVIDADES NOS LOCAIS. Ademáis, Míguez explicou que tamén se planificaron unha serie de actividades, como catas degustación, ceas maridaxe e accións similares, nos locais que participan no Galicia en Copas, como O Afiador, na rúa Valiño, que ofrece o menú degustación Revera Vinum, que inclúe catro pratos, sticks de chacina con marmelo, escabeche de navalla, berberechos á tixola e presa ibérica maridadas con viños galegos; A Bodeguilla de San Lázaro, onde o día 21, ás 20.30 horas, celebrarase o Taller de cata ‘Análise sensorial de queixos galegos con DOP, a cargo de Salomé Beiroa e Jorge Cardoso, e A Bodeguilla de Santa Marta, que ofrecerá o día 23 a cata didáctica con cea ‘Entre os ríos’, a cargo de José Crusat.
Organizado por Escenoset, la presentación reuniu tamén no bar La Planta aos concelleiros María Rozas, Marta Lois e Pedro José Rey Sanchiz. Tras o seu paso por este local, parte do grupo trasladouse a La Terraza para seguir o roteiro.
LOCAIS.
VENTOSELA – ROSALEDA – ALBORADA DE VEIGA – SAN JAIME – LA TERRAZA A VAQUIÑA – LA PLANTA – O FERRO – A FUEGO LENTO – CASAS CHICO – O SENDEIRO – ARTESANA – BODEGUILLA SANTA MARTA – BODEGUILLA DE SAN LÁZARO – PEPE PAYÁ – A TABERNA DO ENSANCHE – ALTAMIRA – O CURRO DA PARRA – A QUÉ VINO – MOL – NAVE 5 – VILLAR 64 – PEDRA SANTA – O AFIADOR – CAMINANTE – O DEZASEIS – A VIÑOTECA DO MERCADO