As Festas do Apóstolo chegan hoxe ao seu fin despois de doce días de espectáculos cos coñecidos como Fogos Pequenos, un show pirotécnico previsto para as 23.30 horas e que se poderá ver desde calquera punto de Compostela, cun único lugar de lanzamento, na Cidade da Cultura. A empresa encargada desta sesión de fogos de artificio é a mesma que fixo a do 24 de xullo, a barcelonesa Igual, que esta noite lanzará 2.085 quilogramos de material pirotécnico.
Os Fogos Pequenos serán perfectamente visibles desde todos os puntos altos de Santiago, polo que se recomenda aos cidadáns que eviten a contorna do Gaiás, que estará cortado, e as aglomeracións, e que respecten as normas de seguridade.
O espectáculo será unha boa escusa para sumarse ao fin de festa nalgún dos locais asociados de Hostalería Compostela.