‘Las Noches de la Suite’ é nha experiencia gastroescénica única que leva desde 2015 convertendo a Gran Suite Presidencial do hotel NH Collection Madrid Eurobuilding nun escenario, onde recoñecidos músicos e intérpretes do cinema español achéganse cada fin de semana ao público cun concerto ou unha función teatral. Fano sentados a escasos metros de distancia, antes de intercambiar opinións e charlar con eles compartindo unha cervexa ou unha copa.
E esa é precisamente a oportunidade que tamén terán os que o próximo día 6 de maio, ás 20.30 horas, se den cita no hotel NH Collection en Compostela, o lugar elixido como punto de partida da xira de ‘Las Noches de la Suite’, e onde poderán gozar da divertida obra ‘Declaración en simulado’, protagonizada polo actor Raúl Mérida, coñecido por series como Elite, Las chicas del cable, ou Los Protegidos, e a actriz e presentadora Paula Prendes, que participou en programas como Sé Lo Que Hicisteis, Zappeando e series como B&B, Servir y Proteger, Víctor Ros, Gran Reserva ou a recente Machos Alfa.
Dirixida por Darío Frías e José Palacios, ‘Declaración en simulado’ conta a historia de Aitor e Julia, compañeiros de piso e carreira durante anos, na última oportunidade que ten el para declarárselle a ela e como afronta esa situación que dá paso a momentos moi cómicos. Unha comedia romántica para un aforo limitado a 99 persoas, que no caso de Santiago poderase ver no salón Obradoiro, situado na última planta do hotel que conta con terraza e vistas á Catedral, e tras a que o público poderá coñecer aos actores protagonistas e charlar con eles.
Ademais, e previo á representación, os asistentes poderán gozar dunha selección de aperitivos de alta cociña elaborados polo chef Nacho Martínez, con exquisiteces como Ourizo, centola e gambón con escuma de yuzu, Vieira en salmoira, coral e crema de herbas, Cono de xarda con piña e troita, Bóla crujiente de foie e boletus, Milhojas de queixo brie e presa ibérica con arando, Cazola de anguía afumada e papaya ao carbón, Shusi frito de pulled pork con thai sweet, Galo celta en bolo de vento con crema pepitoria, Mini pita de costela confeitada ao ají amarelo, Chupa-chups de cenoria e chocolate ou o Mousse de coco e mango en texturas.
Pensado para “abrir o hotel aos composteláns achegando o noso granito de area ao contido cultural da cidade” e ofrecer “experiencias diferenciais aos que se aloxan en el”, tal e como sinalou o director do establecemento hosteleiro compostelano, Esteban Iglesias, o evento conta co apoio de Royal Bliss e de Cervezas Alhambra, dentro da súa aposta pola creación de experiencias únicas pensadas para gozar cos cinco sentidos.
As entradas que inclúen a función, cóctel gastronómico con barra libre e meet & greet cos actores, xa están á venda ao prezo de 39.90 euros en www.lasnochesdelasuite.com