Santiago(é)Tapas continúa coa campaña de promoción da súa XV edición, incentivando a inscrición dos establecementos hostaleiros a través de distintas accións complementarias. Así, nesta edición os locais inscritos en Santiago(é)Tapas poderán participar en tres cursos de formación organizados por Estrella Galicia e Café Dromedario. O prazo de inscrición no concurso remata este 10 de xaneiro.

O primeiro dos cursos terá lugar os días 29 e 30 de xaneiro. Trátase dun Curso de Iniciación Barista e correrá a cargo de Karen Quiroga, formadora de Café Dromedario, dúas veces campiona de España de Latte, 3ª Aeropress España 2019 e Somelier de té.

Pola súa banda, Estrella Galicia impartirá a primeira semana de febreiro outros dous cursos, un sobre a evolución de cervexa e tiraxe perfecta a cargo de Carlos Ávila, técnico de Cultura de Cervexa en Hijos de Rivera, e outro sobre viños Ponte da Boga a cargo de persoal da devandita adega.

Ademais, entre todos os locais inscritos, sortearase unha entrada dobre para visitar MEGA, o museo para coñecer as orixes e a cultura cervexeira de Estrella Galicia, así como todas as experiencias da marca. Tamén se sorteará unha noite para dúas persoas nun dos máis de sesenta aloxamentos que ten a cadea galega Alda Hotels polo norte e centro de España.

Organizado por Turismo de Santiago en coordinación coa Asociación Hostalería Compostela e o apoio da Deputación da Coruña, Santiago(é)Tapas conta nesta edición co patrocinio de Estrella Galicia e a colaboración de Cash Record e Café Dromedario, e celebrarase do 15 de febreiro ao 3 de marzo, debendo formalizarse a inscrición a través da web santiagoetapas.gal, onde tamén se poderán descargar as bases.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, volverá haber premios ás mellores tapas e agasallos directos para quen finalice as distintas etapas, ademais dun sorteo de premios entre os que voten polas súas tapas preferidas.