O motivo polo cal emitimos este comunicado é a polémica que recentemente saltou á opinión pública sobre o cambio na normativa de aforos e a celebración de espectáculos musicais nos locais de hostalaría de Santiago.

Queremos dar a coñecer as seguintes consideracións a respecto dunha cuestión que dana gravemente os intereses da maioría da cidade e en concreto dos nosos asociados/as.

Dicimos a inmensa maioría da cidade polo peso específico que a hostalaría ten na mesma e porque una boa parte dos cidadáns/ás tamén queren desfrutar das actividades  que durante anos vimos desenvolvendo de maneira activa e incrementan a oferta cultural da cidade.

Unha inmensa parte da cidadanía non percibe que a actividade cultural e de ocio desenvolta nos locais de hostalaría sexa un problema.

Santiago é una cidade segura e tranquila, os datos obxectivos así o demostran, e non hai tal problema de ruído que afecta ao dereito de descanso como nos quere facer ver unha minoría anecdótica, minoría,  XA NON DA CIDADE, senón incluso do Casco Histórico.

O sector sempre ten mostrado alta disposición para solucionar problemas que se poden ter dado de maneira puntual, con pedagoxía coa propia clientela e con campañas específicas como o FALANDO BAIXIÑO que ultimamente se ten desenvolto. Manifestamos unha vez máis que de existir algunha cuestión puntual estamos dispostos a estudala con todos os axentes implicados para conseguir a harmonía entre a veciñanza. Nós tamén somos VECIÑANZA que case parece que é un dereito adquirido por uns poucos.

As posicións  maximalistas da Asociación de veciños Compostela Vella, asociación que se caracteriza basicamente, pola falta de actividade asociativa interna e externa. Así desta maneira clara e concisa nolo teñen transmitido en numerosas ocasións veciños e hostaleiros que viven no Casco Histórico.

Desde a Asociación Hostalaría Compostela tense convocado unha reunión aberta para tratar o tema da normativa de aforos, acudiron sectores amplos da cidade entre eles asociacións veciñais do Casco Histórico, mais curiosamente Compostela Vella non asistiu.

Non temos claro que é o que pretenden.

Son ataques á CIDADE,  ao seu desenvolvemento e ao papel de vangarda que cremos debería de cumprir Santiago como capital de Galicia que é.

Outras cidades da nosa contorna, con bastante máis poboación e máis concentrado o ocio da noite, NON teñen os problemas que aquí existen. Cando menos é curioso.

Miguel López, portavoz de Compostela Vella acompañado pola presidenta María Abelleira, caras visíbeis e únicas dunha Asociación que repetimos NON REPRESENTAN Á VECIÑANZA DO CASCO HISTÓRICO, veñen de cuestionar abertamente o cambio da normativa municipal con respecto aos aforos e denunciado publicamente o convenio que o Concello mantiña cos locais para a celebración de concertos.

O cambio desta normativa foi froito dun intenso debate entre as partes implicadas nunha mesa de diálogo, que previamente á mesma o sector reuniuse con cada unha das forzas políticas con representación no concello. O 5 de outubro do 2016  celébrase a primeira reunión coa presenza de todos os grupos políticos e as asociacións da hostalaría de Santiago  e foi na mesma onde se toma o acordo por consenso da nova normativa de aforos, estaban presentes as  catro forzas políticas con representación no Concello de Santiago:  Compostela Aberta, PP, PSOE e BNG.

Un apoio amplo e plural que agora algúns  pretenden dinamitar.

Facemos un chamamento á cidadanía para que apoie a un sector que é estratéxico na cidade, que crea riqueza, dá postos de traballo e presta un servizo fundamental de cultura e ocio do que tanta xente desfruta, non só da cidade senón tamén da comarca e visitantes e turistas que buscan unha opción de ocio nas súas vacación e visitas a Santiago.

Facemos un chamamento ao Concello para que estude os cambios necesarios na normativa municipal para adaptarse á legalidade vixente que é como queremos traballar.

DEFENDAMOS A ACTIVIDADE CULTURAL E O OCIO NA HOSTALARÍA!

DEFENDAMOS A CIDADE E OS SEUS SECTORES ESTRATÉXICOS!

DEFENDAMOS O DIÁLOGO E O DEBATE!

 

PÉ DE FOTO: O directivo Lois Lópes e o xerente da Asociación Hostelería Compostela, Ramón García, leron o comunicado na nosa sede.